Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 09.00 h. de hoxe

Están activos os incendios da Fonsagrada-Monteseiro (120), Chandrexa de Queixa-Requeixo (450 ha) e Padrenda-Padrenda (máis de 20 ha)

Permanecen controlados os lumes de Camariñas-Xaviña (50 ha), Ponteceso-Corme Aldea (60 ha) e Ponteceso-Brantuas (200 ha)

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2025.

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 09.00 horas de hoxe sábado.

A CORUÑA

Controlado Camariñas-Xaviña

Continúa controlado desde as 07.16 horas do xoves o incendio forestal do municipio coruñés de Camariñas, parroquia de Xaviña. O lume iniciouse ás 16.57 horas do martes e foi necesario decretar a Situación 2, unha situación operativa de emerxencia que se desactivou ás 19.58 horas do mércores. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 50 hectáreas e para a súa extinción mobilizáronse ata o momento 3 técnicos, 24 axentes, 29 brigadas, 24 motobombas, 3 pas e 4 helicópteros. Tamén participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Controlado Ponteceso-Corme Aldea

Está tamén controlado dende as 23.52 do mércores o incendio forestal da localidade coruñesa de Ponteceso, parroquia de Corme Aldea, no que se desactivou a Situación 2 na tarde do mércores. O lume iniciouse ás 14.12 horas do martes e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 60 hectáreas.

Ata o momento, para a súa extinción mobilizáronse 7 técnicos, 24 axentes, 33 brigadas, 24 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 4 avións. Ademais, participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Controlado Ponteceso-Brantuas

Segue tamén controlado desde as 19.13 horas do mércores outro incendio neste mesmo concello de Ponteceso, parroquia de Brantuas, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 200 hectáreas. O lume comezou ás 20.30 horas do pasado sábado e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 5 técnicos, 26 axentes, 29 brigadas, 22 motobombas, 2 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 11 avións.

LUGO

Activo A Fonsagrada-Monteseiro

Permanece activo o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas do martes e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 6 técnicos, 47 axentes, 64 brigadas, 68 motobombas, 3 pas, 7 helicópteros e 8 avións.

OURENSE

Activo Chandrexa de Queixa-Requeixo

Está activo desde as 15.51 horas de onte venres un incendio forestal no concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 450 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 6 técnicos, 19 axentes, 26 brigadas, 16 motobombas, 7 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 6 avións.

Activo Padrenda-Padrenda

Está activo, desde as 22.03 horas de onte, o lume que afecta o concello de Padrenda, parroquia homónima, que segundo as últimas estimacións provisionais supera as 20 hectáreas. Para a súa extinción, mobilizáronse polo de agora 4 axentes, 10 brigadas, 4 motobombas e 1 pa.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 09/08/2025