Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 21.00 h. de hoxe
Activos os incendios de Chandrexa de Queixa-Requeixo (200 ha) e A Fonsagrada-Monteseiro (120)
Controlados os lumes de Camariñas-Xaviña (50 ha), Ponteceso-Corme Aldea (60 ha) e Ponteceso-Brantuas (200 ha),
Están extinguidos os lumes das Pontes de García Rodríguez-O Freixo (23,15 ha), A Fonsagrada-Cereixido (30 ha), Salceda de Caselas-A Picoña (91 ha) e As Neves-San Pedro de Batalláns (89,88 ha)
Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2025
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 21.00 horas de hoxe venres.
A CORUÑA
Controlado Camariñas-Xaviña
Segue controlado desde as 07.16 horas de onte xoves o incendio forestal do municipio coruñés de Camariñas, parroquia de Xaviña. O lume iniciouse ás 16.57 horas do martes e foi necesario decretar a Situación 2, unha situación operativa de emerxencia que se desactivou ás 19.58 horas do mércores. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 50 hectáreas e para a súa extinción mobilizáronse ata o momento 3 técnicos, 24 axentes, 28 brigadas, 20 motobombas, 3 pas e 4 helicópteros. Tamén participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Controlado Ponteceso-Corme Aldea
Está tamén controlado dende as 23.52 do mércores o incendio forestal da localidade coruñesa de Ponteceso, parroquia de Corme Aldea, no que se desactivou a Situación 2 na tarde do mércores. O lume iniciouse ás 14.12 horas do martes e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 60 hectáreas.
Ata o momento, para a súa extinción mobilizáronse 7 técnicos, 23 axentes, 31 brigadas, 23 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 4 avións. Ademais, participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Controlado Ponteceso-Brantuas
Continúa controlado desde as 19.13 horas do mércores outro incendio neste mesmo concello de Ponteceso, parroquia de Brantuas, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 200 hectáreas. O lume comezou ás 20.30 horas do pasado sábado e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 5 técnicos, 26 axentes, 29 brigadas, 22 motobombas, 2 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 11 avións.
Extinguido As Pontes de García Rodríguez-O Freixo
Está extinguido desde as 17.00 horas de hoxe o incendio forestal do concello coruñés das Pontes de García Rodríguez, parroquia do Freixo, que afectou finalmente unha superficie de 23,15 hectáreas, das cales 17,36 son de monte arborado e as 5,79 restantes de raso. O lume iniciouse ás 22.03 horas do mércores e para a súa extinción mobilizáronse, en conxunto, 14 axentes, 22 brigadas, 17 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.
LUGO
Activo A Fonsagrada-Monteseiro
Segue activo o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas do martes e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 6 técnicos, 44 axentes, 58 brigadas, 65 motobombas, 3 pas, 7 helicópteros e 8 avións.
Extinguido A Fonsagrada-Cereixido
Está xa extinguido desde as 19.20 horas de hoxe o incendio rexistrado neste mesmo municipio da Fonsagrada, parroquia de Cereixido, que afectou finalmente 30 hectáreas, 25 de arborado e as 5 restantes de raso. Este lume iniciouse o mércores ás 13.07 e, para a súa extinción mobilizáronse, en conxunto, 2 técnicos, 12 axentes, 18 brigadas, 19 motobombas, 3 pas, 5 helicópteros e 5 avións.
OURENSE
Activo Chandrexa de Queixa-Requeixo
Está activo desde as 15.51 horas de hoxe un incendio forestal no concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 200 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 6 técnicos, 37 axentes, 47 brigadas, 51 motobombas, 3 pas, 7 helicópteros e 8 avións.
PONTEVEDRA
Extinguido As Neves-San Pedro de Batalláns
Desde as 20.52 horas de hoxe está extinguido o incendio forestal do concello pontevedrés das Neves, parroquia de San Pedro de Batalláns, no que foi necesario decretar a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ás vivendas, unha situación operativa de emerxencia que xa foi desactivada.
O lume iniciouse ás 16.41 horas do mércores e afectou finalmente unha superficie de 89,88 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 6 técnicos, 17 axentes, 26 brigadas, 20 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 6 helicópteros e 2 avións.
Extinguido Salceda de Caselas-A Picoña
Ás 16.46 horas de hoxe deuse por extinguido o incendio do concello pontevedrés de Salceda de Caselas, parroquia da Picoña, que afectou finalmente un total de 91 hectáreas, das cales 78 corresponden a monte arborado e as 13 restantes a raso. O lume iniciouse ás 16.17 horas do mércores e foi necesario decretar a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación de Pedrapinta, situación operativa de emerxencia xa desactivada.
Para a súa extinción mobilizáronse en conxunto 4 técnicos, 15 axentes, 26 brigadas, 18 motobombas, 2 pas, 4 helicópteros e 2 avións. Ademais, tamén participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.