A Xunta destina 28 M€ a Nexos, a maior convocatoria de axudas para proxectos colaborativos de I+D+i entre empresas galegas en ámbitos estratéxicos
O Diario Oficial de Galicia publícaa mañá e as entidades poden solicitalas ata o 22 de setembro
É unha das liñas de acción do programa Activa I+G+i, de apoio á colaboración entre empresas e á transferencia efectiva de resultados, cun investimento total de 53 M€
Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica mañá a convocatoria do novo programa Nexos, dotada con 28 M€ e que é a maior contía destinada pola Xunta a unhas axudas destas características destinadas a impulsar a I+D+i colaborativa entre empresas, co apoio de centros de coñecemento, en ámbitos estratéxicos para Galicia. Trátase dunha das accións de Activa I+G+i, de apoio á colaboración entre empresas e á transferencia efectiva de resultados, no marco do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
O obxectivo de Nexos é fomentar a cooperación a través de proxectos de I+D+i entre pemes e demais axentes do Sistema galego de innovación. A convocatoria, que abrangue catro anualidades ata 2028, prevé chegar a 50 proxectos e 200 beneficiarios e, así, mobilizar preto de 47 M€.
Entre as novidades desta convocatoria destaca a priorización dun número reducido de ámbitos temáticos e a incorporación de custos simplificados na xustificación das axudas. Con ela, o Goberno galego quere impulsar a competitividade do tecido produtivo galego a través da I+D+i en beneficio da sociedade.
O prazo para solicitar as axudas estará aberto do 13 de agosto ao 22 de setembro. Poderán beneficiarse delas as agrupacións de entre tres e seis empresas –principalmente pemes– que realicen proxectos de I+D+i en colaboración.
Investigación, desenvolvemento e innovación
A tipoloxía de proxectos subvencionables poden ser de investigación industrial, desenvolvemento experimental ou innovación organizativa ou en material de procesos. Priorizaranse aqueles que se inclúan nalgún dos seguintes ámbitos estratéxicos para Galicia: agroalimentación, benestar e saúde, economía circular e enerxía ou fabricación avanzada. No caso de que o proxecto presentado non se encadre en ningún dos ámbitos estratéxicos preferentes, clasificarase en “outros ámbitos”. Deste xeito, garántase que os mellores proxectos de cada un destes ámbitos estratéxicos acaden financiamento.
Os proxectos deben ter un orzamento subvencionable mínimo de 500.000 euros e un máximo de 1,5 M€ e esíxese unha participación mínima por cada membro da agrupación de 75.000 euros. Coas axudas poderán financiarse custos directos (persoal, equipamento e materiais, subcontratacións e adquisición de patentes, entre outros) e indirectos (gastos administrativos, de supervisión e control de calidade, subministracións, seguros, seguridade ou gastos de limpeza). A xustificación realizarase a través da metodoloxía de custos simplificados, empregando como indicador un custo unitario por hora de traballo persoal que realiza tarefas técnicas no proxecto.
A selección de iniciativas realizarase combinando os criterios de especialización, vinculada ao carácter estratéxico destes ámbitos, e a excelencia das propostas solicitadas, permitindo maximizar a eficiencia e eficacia dos fondos ao escoller os proxectos máis competitivos e cun maior impacto para Galicia.
Obradoiros de resolución de dúbidas
Co obxectivo de resolver as últimas dúbidas e explicar como presentar as solicitude a esta convocatoria, celebrarase un ciclo de obradoiros a comezos do mes de setembro nas catro provincias galegas, en colaboración coas confederacións empresariais. As datas e lugares de celebración destes obradoiros serán: 3 de setembro Lugo; 4 de setembro Ourense; 9 de setembro Vigo e 10 de setembro a Coruña.
Activa I+G+i
Esta liña de axudas enmárcase no programa Activa I+G+i de apoio á colaboración entre empresas e á transferencia efectiva de resultados, ao que a Xunta destina preto de 53 M€ a través de catro grandes convocatorias: Nexos (28 M€), Unidades Mixtas de Investigación (12M€), Fortalecemento de centros tecnolóxicos (9,75 M€) e Recuperación da excelencia Neotec (3M€). Con este investimento, o Goberno galego agarda unha mobilización público-privada de máis de 100M€.
A través destas axudas, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP pon o foco nas pequenas empresas para potenciar unha I+D+i colaborativa e impulsar a transferencia de coñecemento para mellorar a vida da cidadanía. Todas as convocatorias publícanse ao longo do mes de agosto e enmárcanse no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.