Medio Rural salienta o valor do programa Experiencias de Calidade para promover os produtos galegos no VII Túnel do Viño de Sober
Sober (Lugo), 11 de agosto de 2025
O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, participou na inauguración do VII Túnel do Viño, que se celebra hoxe e mañá no municipio lucense de Sober. Nela, Alemparte destacou a importancia do programa Experiencias de Calidade, presente neste evento, como ferramenta para promover os produtos galegos de calidade diferenciada e como complemento a este túnel do viño da Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra.
Ademais, a Axencia organizou hoxe unha experiencia gastronómica na Praza do Concello, onde o público puido degustar distintos petiscos elaborados con produtos de calidade diferenciada galega, con selo Denominación de Orixe Protexida (DOP) e Indicación Xeográfica Protexida (IXP). A proba incluíu empanada de pemento do Couto con queixo San Simón da Costa, tosta de pan galego con tenreira galega e mostaza de grelos, e unha crema de Irmáns de Leite con mel de Galicia e granola.