Medio rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 09.00 h. de hoxe
Están activos os incendios de Maceda-Santiso (Situación 2), Chandrexa de Queixa-Requeixo (Situación 2 e 3.000 ha), Vilardevós-Moialde (40 ha), Cartelle-Anfeoz (arredor de 20 ha), Montederramo-Paredes (120 ha) e Samos-Santalla (arredor de 200 hectáreas)
Están estabilizados os lumes de Vilariño de Conso-Mormentelos (180 ha), Maceda-Castro de Escuadro (450 ha) e A Estrada-Souto (20 ha)
Están controlados os incendios de Monfero-Queixeiro, que afecta o Parque Natural das Fragas do Eume (5 ha), A Fonsagrada-Monteseiro (150 ha) e o de Verín-Mourazos (9 ha)
Está extinguido o lume de Padrenda-Padrenda (41,6 ha)
Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2025
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 09.00 horas de hoxe martes.
A CORUÑA
Controlado Monfero-Queixeiro. Afecta o Parque Natural das Fragas do Eume
Desde as 22.47 horas de onte luns está controlado o incendio do concello de Monfero, parroquia de Queixeiro, que se iniciou ás 17.01 horas do domingo e que afecta o Parque Natural das Fragas do Eume. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 5 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 12 axentes, 17 brigadas, 8 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.
LUGO
Activo Samos-Santalla
Está activo, desde as 23.27 horas de onte, un lume no concello de Samos, parroquia de Santalla que, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 200 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 2 axentes, 8 brigadas, 5 motobombas e 3 pas.
Controlado A Fonsagrada-Monteseiro
Permanece controlado desde as 14.42 horas do domingo o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas do martes día 5 e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 6 técnicos, 60 axentes, 89 brigadas, 85 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros e 8 avións.
OURENSE
Activo Maceda-Santiso. Activada Situación 2
Desde as 03.13 horas desta madrugada está activo un lume no concello de Maceda, parroquia de Santiso, no que foi preciso declarar a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade aos núcleos de Calveliño do Monte e Santiso. Para a extinción deste incendio mobilizáronse, polo de agora, 5 axentes, 6 brigadas e 4 motobombas.
Activo Chandrexa de Queixa-Requeixo. Activada Situación 2
Continúa activo desde as 15.51 horas do venres o incendio forestal do concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta a arredor de 3.000 hectáreas. Neste lume foi preciso decretar a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade a núcleos de poboación.
Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 14 técnicos, 51 axentes, 79 brigadas, 40 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 12 helicópteros e 14 avións. Tamén vanse incorporar ás tarefas de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Moialde-Vilardevós. Desactivada a Situación 2
Está activo desde as 16.05 horas da tarde de onte luns o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, no que se tivo que declarar a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade aos núcleos de poboación da Silva e San Paio, situados na localidade veciña de Riós. Esta situación operativa de emerxencia xa foi desactivada. Segundo as últimas estimacións, o incendio, que evoluciona favorablemente, afecta arredor de 40 hectáreas e, polo de agora mobilizáronse na súa extinción 2 técnicos, 5 axentes,11 brigadas, 11 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 6 avións.
Activo Paredes-Montederramo
Está activo desde as 04.50 horas da madrugada de onte un incendio forestal no concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo momento, 2 técnicos, 5 axentes, 10 brigadas, 7 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 6 helicópteros e 5 avións.
Activo Cartelle-Anfeoz
Desde as 18.28 horas de onte está activo un lume no municipio de Cartelle, parroquia de Anfeoz que, segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 20 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 3 técnicos, 9 axentes, 12 brigadas, 7 motobombas, 2 unidades técnicas de apoio, 5 helicópteros e 2 avións.
Estabilizado Vilariño de Conso-Mormentelos
Desde as 23.37 horas de onte luns está estabilizado o lume do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 180 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 14 axentes, 18 brigadas, 13 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 2 helicópteros e 4 avións.
Estabilizado Maceda-Castro de Escuadro. Desactivada Situación 2
Está estabilizado, desde as 23.37 horas do domingo, o incendio do concello de Maceda, parroquia de Castro de Escuadro, que se iniciou o sábado ás 23.19. Na tarde de onte luns houbo unha reactivación deste lume e, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 450 hectáreas. Iniciouse en entre cinco e seis puntos case simultáneos, o que apunta cara unha clara intencionalidade. Neste lume xa foi desactivada o domingo a Situación 2, que fora declarada na madrugada do mesmo domingo pola súa proximidade ao núcleo da Teixeira. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 5 técnicos, 27 axentes, 42 brigadas, 34 motobombas, 5 pas, 6 helicópteros e 10 avións.
Controlado Verín-Mourazos. Desactivada a Situación 2
Esta controlado, desde as 01.01 horas desta madruraga o incendio forestal do concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, iniciado ás 13.15 horas de onte luns e no que xa se desactivou a Situación 2, medida preventiva que se adoptou pola súa proximidade ao núcleo de poboación de Tamagos. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 9 hectáreas e, polo momento, para a súa extinción mobilizáronse 1 técnico, 6 axentes, 8 brigadas, 7 motobombas, 1 pala, 2 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 6 avións.
Extinguido Padrenda-Padrenda
Está extinguido, desde as 23.38 horas de onte luns, o lume que afectou o concello de Padrenda, parroquia homónima, que se iniciou o venres ás 22.03 horas. Afectou finalmente 41,6 hectáreas de monte raso. Para a súa extinción, mobilizáronse en conxunto 10 axentes, 26 brigadas, 9 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 2 avións.
PONTEVEDRA
Estabilizado A Estrada-Souto
Esta estabilizado desde as 22.10 horas do domingo o incendio forestal do concello da Estrada, parroquia de Souto, que se iniciou o mesmo domingo ás 12.37 horas e que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 20 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción, mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 9 axentes, 18 brigadas, 17 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 3 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.