O Concello de Ames acolle a unidade móbil de doazón de sangue na campaña estival promovida pola Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue
Estará situada na Avenida da Mahía (Bertamiráns), hoxe martes, en horario de 9,30 a 14,30h e de 15,30 a 21,00h
No pasado ano, o Concello de Ames acadou 1.501 doazóns de sangue
Durante o período estival requirise un esforzo especial para cubrir a demanda de máis de 27.000 doazóns necesarias para garantir a atención sanitaria nos hospitais galegos
Ames (A Coruña), 12 de agosto de 2025
A campaña estival “Non esquezas doar antes de veranear”, organizada pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), chega ata o Concello de Ames para recoller a solidariedade da súa veciñanza, co fin de previr a escaseza de compoñentes sanguíneos en verán.
Para facilitar a participación dos doantes, a unidade móbil estará situada na Avenida da Mahía (Bertamiráns), hoxe martes, en horario de 9,30 a 14,30h e de 15,30 a 21,00h. Como mostra de agradecemento, as persoas que se acheguen a doar recibirán un agasallo especial.
Durante o período estival requírese un esforzo especial para cubrir a demanda de máis de 27.000 doazóns necesarias para garantir a atención sanitaria nos hospitais galegos. Para logralo, ADOS desprega, ao longo destes meses, as unidades móbiles en 220 concellos para atender a toda a cidadanía que queira doar sangue.
Solidariedade do concello
No pasado ano, o Concello de Ames acadou 1.501 doazóns de sangue, cunha taxa anual de 46 doazóns por cada 1.000 habitantes, sete puntos por enriba da media galega.
ADOS quere amosar o seu agradecemento pola colaboración do concello, e especialmente pola súa axuda e apoio no desenvolvemento desta campaña estival, así como a toda a veciñanza do municipio pola súa xenerosidade e colaboración.
Facilidades para doar sangue
A campaña estival, que se estenderá ata o 15 de setembro, pretende fomentar a participación da cidadanía na doazón nestes meses, onde habitualmente prodúcese un descenso nas reservas de sangue. Neste senso, as unidades móbiles de ADOS realizarán 800 desprazamentos para achegar a doazón de sangue por toda a xeografía galega. Así mesmo, levará a cabo unha intensa campaña informativa, na que conta coa colaboración dos concellos.
Hai que ter en conta que o sangue non se pode fabricar e soamente pódese obter grazas á doazón voluntaria das persoas. Os compoñentes do sangue que se obteñen son vitais para atender a milleiros de doentes.
Calquera persoa entre 18 e 70 anos que pese máis de 50 quilos cunha boa saúde, pode achegarse ás unidades móbiles da axencia ou aos locais de doazón de sangue nas sete grandes cidades, onde serán atendidos por persoal sanitario especializado.
Grazas a colaboración de toda a sociedade galega, case 31.000 pacientes recibiron unha transfusión dun compoñente sanguíneo no pasado ano 2024.
ADOS lembra que doar sangue é un xesto sinxelo, xeneroso e solidario, e convida a toda a cidadanía, maior de idade e en bo estado de saúde, a participar nesta campaña.
Para máis información esta dispoñible a páxina web de ADOS: www.ados.sergas.gal
Tamén nas redes sociais:
Twitter: @doadoressangue
Facebook: https://www.facebook.com/doadoressangue
Instagram: @doadoressangue
Youtube: https://www.youtube.com/@doadoressangue
E un teléfono gratuíto de información, 900 100 828 para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.