A Xunta remite ao Concello de Lugo o convenio para a posta en marcha do comedor no colexio Fingoi 2
O delegado territorial, Javier Arias, explicou que o Goberno galego responde á demanda dos pais instalando un aula móbil que permitirá prestar este mesmo curso o servizo, de competencia municipal
Lugo, 12 de agosto de 2025
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional remitiu ao Concello de Lugo o convenio de colaboración que permitirá ofrecer o próximo curso o servizo de comedor na Escola de Educación Infantil Fingoi 2.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, sinalou que, se a Administración Local amosa a súa conformidade, será asinado por ambas partes e procederase a instalar a aula móbil que acollerá provisionalmente o servizo.
Arias explicou que a prestación do servizo de comedor neste centro é unha obriga do Concello de Lugo, pero a Xunta “implicouse para responder á demanda dos pais ideando unha solución que logo de meses de traballo está próxima a materializarse”.
En base ao acordado, a Consellería incorporará un módulo facilmente desmontable nunha parcela propiedade de Concello anexa ao centro educativo, e asumirá o custe do acondicionamento e da conservación durante o tempo de vixencia do convenio, que se establece en dous anos prorrogable por un ano máis. Pola súa banda, o Concello autoriza o uso de 100 metros de superficie da súa titularidade e prestará o servizo de comedor no colexio.
Arias lembrou que esta é unha solución transitoria “co fin de responder canto antes á demanda da comunidade educativa, en tanto non se materialice o proxecto de ampliación da escola infantil”.
Neste sentido, sinalou que pese a tratarse dun inmoble de titularidade municipal, “existe un compromiso firme da Xunta de colaborar na súa reforma para que poida acoller máis e mellores dotacións educativas”.