A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, deu conta da actuación no municipio coruñés
Allegue salienta que a nova senda de Ponteceso “favorecerá os desprazamentos máis seguros e sostibles da veciñanza entre Corme Aldea e Corme Porto”, núcleo de referencia de servizos
Esta actuación na AC-424, supra cun investimento de 563.055 euros cofinanciada con fondos FEDER e permitirá conectar estes núcleos do municipio mediante unha senda de 900 metros que mellorará a seguridade dos peóns e favorecerá os desprazamentos a pé
A conselleira avanza que a Xunta traballa para licitar este mesmo ano as obras desta actuación, cuxa aprobación do proxecto de trazado se publicará este luns no Diario Oficial de Galicia, para que os traballos poidan comezar o vindeiro ano
Ponteceso (A Coruña), 19 de setembro de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou hoxe que a nova senda entre Corme Aldea e Corme Porto permitirá seguir avanzando na mellora da seguridade viaria e favorecerá desprazamentos máis seguros, saudables e sostibles para os veciños de Ponteceso.
A conselleira, acompañada pola directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, explicou que a actuación responde a unha demanda trasladada polo Concello e permitirá mellorar a conexión entre Corme Aldea e Corme Porto, “onde se concentran boa parte dos servizos”.
Lembrou que a Xunta xa executou unha senda peonil de 600 metros na AC-424 no Couto, que xa desfrutan a veciñanza e os visitantes, e que naquel momento se anunciara a intención de continuar incrementando os itinerarios seguros nesta estrada. Tamén está a senda de Pazos, froito dun convenio tamén co Concello, xa rematada.
Allegue puxo o acento na complexidade desta actuación, cun investimento superior ao medio millón de euros (563.055 euros) e que conta con cofinanciación dos fondos FEDER, xa que, ademais da execución da senda, se prevé realizar as canalizacións e servizos necesarios, incluíndo un prisma para futuras redes de telecomunicacións. Deste xeito, segundo indicou, “as obras quedan preparadas para o futuro e evítase ter que levantar posteriormente a infraestrutura para executar novos servizos”.
Explicou que a aprobación do proxecto de trazado da actuación se publicará este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que os servizos da Consellería están a traballar na supervisión do proxecto construtivo para poder licitar as obras este mesmo ano.
O obxectivo da Xunta é que os traballos poidan comezar o vindeiro ano e que a nova senda, cunha lonxitude aproximada de 900 metros, poida estar executada nun prazo estimado de nove meses.
Allegue puxo en valor a importancia das chamadas “estradas verdes”, que a Xunta está a impulsar ao longo da rede viaria autonómica, tanto para incrementar a seguridade dos usuarios máis vulnerables, especialmente os peóns, como para favorecer hábitos de mobilidade máis saudables.
Neste sentido, subliñou que a creación de sendas permite que os veciños poidan realizar os seus desprazamentos a pé con maior seguridade, reducindo a necesidade de utilizar o vehículo para os traxectos cotiáns.
Allegue fixo fincapé tamén no traballo que a Xunta mantén na conservación e mantemento dunha rede de máis de 5.500 quilómetros de estradas, ao tempo que continúa avanzando na execución de vías de altas prestacións, reforzos de firme e novas sendas peonís.