A Xunta adxudica a redacción do proxecto construtivo da variante leste de Viveiro

Os traballos foron licitados por máis de 391.000€ e o prazo máximo de execución da redacción deste proxecto construtivo é de 5 meses

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de publicar a proposta de adxudicación á unión de empresas UTE Proyfe, S.L. - Fhecor Ingenieros y Consultores, S.A., da redacción do proxecto construtivo da variante leste de Viveiro.

O contrato, licitado por un orzamento de máis de 391.000 euros, contará cun prazo máximo de execución da redacción do proxecto de cinco meses, a contar a partir da formalización  do mesmo.

A variante leste discorrerá ao longo de 6,2 km desde a glorieta de conexión na estrada LU-540 no comezo da travesía de Viveiro, ata a glorieta de inicio do corredor Celeiro – San Cibrao. O investimento é de 37,6M€ e, unha vez finalizada, terá un tempo previsto de percorrido de 6,22 minutos.

No percorrido destacan dúas grandes estruturas que serán os 2 viadutos, un de 503m en Celeiro e outro de 130m en Rego Fontecoba, ademais da glorieta de conexión coa LU-862.

Trátase da alternativa con menor impacto para vertebrar as comunicacións nesta contorna de grandes valores naturais, reducindo o  volume de tráfico na zona urbana e no tramo periurbano ata Celeiro.

Data de actualización: 19/09/2026