O comisario do Xacobeo 2027 reivindica a importancia dos estudos xacobeos para preservar a esencia e os valores do Camiño de Santiago

Convidou ao conxunto da Academia Xacobea a sumarse á programación cultural do Xacobeo 2027 achegando coñecemento, investigacións e experiencias

Poio (Pontevedra), 18 de setembro de 2026

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou xunto co secretario xeral da Lingua, Valentín García, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, esta tarde na sesión solemne da Academia Xacobea, celebrada no Mosteiro de Poio no marco das I Xornadas Camiños pontevedreses: O roteiro do Padre Sarmiento a Santiago, rodeando o Salnés.

Durante a súa intervención, Marcos Gómez Román puxo en valor o labor desenvolvido por esta institución na investigación, promoción e divulgación do fenómeno xacobeo e destacou especialmente a importancia de afondar nos estudos xacobeos e garantir a súa difusión, tanto no ámbito académico como no conxunto da sociedade.

“Investigar, estudar e difundir o fenómeno xacobeo é tamén unha maneira de preservar a esencia e os valores do Camiño de Santiago e de transmitilos ás novas xeracións”, sinalou Marcos Gómez Román, quen incidiu na necesidade de aproveitar todas as canles de coñecemento e comunicación para facer chegar o legado xacobeo a públicos cada vez máis amplos.

Neste contexto, puxo en valor tamén a incorporación dos novos académicos e trasladoulles os seus parabéns polo recoñecemento recibido. Na sesión solemne ingresaron como académicos honorarios Valentino Pisegna e Fernando López Rodríguez, mentres que Collen Conroy e Javier Sánchez-Agustino Mariño o fixeron como académicos correspondentes.

Marcos Gómez Román convidou tanto aos novos académicos como ao conxunto da Academia Xacobea a sumarse á programación cultural do Xacobeo 2027, achegando os seus coñecementos, investigacións e experiencias desde as súas respectivas responsabilidades persoais e académicas.

A sesión solemne celebrouse no marco das I Xornadas Camiños pontevedreses: O roteiro do Padre Sarmiento a Santiago, rodeando o Salnés, dedicadas a afondar no coñecemento e divulgación dos itinerarios xacobeos e da súa dimensión histórica e cultural.

Data de actualización: 18/09/2026