Belén do Campo destaca o investimento de máis de 127.000 euros para mellorar as infraestruturas rurais no concello de Vilarmaior nas tres últimas convocatorias do Plan Camiña
Belén do Campo comprobou hoxe o resultado da actuación levada a cabo de mellora do firme no vial de Cepeira da convocatoria 25-26
Vilarmaior (A Coruña), 18 de setembro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, salientou hoxe, nunha visita ao concello de Vilarmaior, o investimento de máis de 127.000 euros para a mellora de infraestruturas rurais nesta localidade. En concreto, e acompañada polo alcalde de Vilarmaior, Carlos Vázquez comprobou o resultado das obras executadas de mellora de firme no vial de Cepeira, co apoio da convocatoria do ano 25-26, na que contou con case 39.000 euros, para substituíndo a capa actual triple de rega asfáltica por aglomerado en quente. A isto súmanse as axudas por valor de case 50.200 euros, concedidas na anterior convocatoria do Plan Camiña Rural 24-25, para a para a mellora do firme entre Lobeiras a Espeldoña no que tamén se actuou substituíndo a capa triple de rega asfáltica por aglomerado en quente. A isto hai que engadir outros máis de 38.000 euros da convocatoria 26-27 que lle permitirá arranxar o firme de Reboira.
Neste senso a delegada informou que na provincia da Coruña, na última convocatoria 25-26, recibiron estas achegas 86 concellos con axudas por importe de case 5,6 millóns de euros e na comarca de Betanzos, 13 municipios con achegas de case 792.000 euros.
A delegada fixo fincapé na importancia deste tipo de apoios ás entidades locais, que se poden beneficiar destas achegas, xa que contribúen a mellorar unhas vías de comunicación que son “estratéxicas” na dinamización social e económica do agro galego ao vertebrar o territorio.
Plan Camiña Rural
Durante a visita, a representante do Goberno autonómico destacou a aposta do Goberno galego polo Plan Camiña Rural, que subvenciona a ampliación ou mellora de camiños que forman parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación. De feito, a última convocatoria correspondente ás anualidades 2026-2027, volve a contar cun orzamento de preto de 19 millóns de euros en concorrencia non competitiva.
Desde o ano 2016 a Xunta actuou en toda Galicia en case 6.700 camiños, cunha lonxitude total de arredor de 5.200 quilómetros e un importe de axudas de preto de 156 millóns de euros. Neste sentido, Belén do Campo reafirmou a súa aposta pola colaboración institucional e o apoio aos concellos para mellorar as súas infraestruturas, o que redunda en beneficio da mobilidade da veciñanza e facilita tamén dar saída aos produtos agroalimentarios.