A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas asistiu hoxe á presentación da nova Xunta Reitora do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos

Allegue dá a benvida á nova directiva do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia e pon en valor a inversión da Xunta en materia de construción con 500 M€ licitados no 1º semestre do ano

Allegue agradeceu ao anterior decano, Enrique Urcola, o traballo estes anos á fronte do Colexio; e deu os parabéns á nova decana, Lorena Solana, a primeira muller en ocupar este posto neste organismo

Puxo o acento na importancia da obra pública, que supón igualdade de oportunidades e calidade de vida para a cidadanía

A Coruña, 17 de setembro de 2026

A Xunta traslada ao Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos o compromiso de seguir colaborando no reforzo da seguridade viaria, da cohesión territorial e da competitividade. Así o manifestou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que xunto á delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, e á directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, asistiu á presentación da nova Xunta Reitora deste Colexio.

Allegue agradeceu ao anterior decano, Enrique Urcola, o traballo realizado durante estes anos á fronte do Colexio; e deu os parabéns á nova decana, Lorena Solana, a primeira muller en ocupar este posto neste organismo.

Salientou que a Xunta aposta por continuar traballando da man do Colexio, pois son imprescindibles a planificación e o rigor técnico dos enxeñeiros para acometer actuacións eficientes nun territorio diverso, cunha orografía complexa, cun litoral extenso e cunha rede autonómica de arredor de 5.500 quilómetros de estradas.

Destacou que “poucas profesións coñecen mellor que os enxeñeiros o significado de anticiparse, estudar o territorio e buscar solucións tecnicamente viables, economicamente eficientes, ambientalmente responsables e socialmente útiles”.

Fixo fincapé na relación estreita entre a Xunta e o Colexio durante anos, o que permitiu impulsar proxectos estratéxicos como o Novo CHUAC, “unha enorme obra de enxeñaría”, que dá resposta á atención sanitaria.

Tamén citou a contribución dos enxeñeiros de camiños a vertebrar Galicia a través de vías de altas prestacións: “desde Tui- A Guarda, Brión-Noia, Nadela-Sarria, Santiago-A Estrada, a da Costa da Morte ou proxectos tan relevantes como as variantes de Viveiro e de Ordes”.

Puxo o acento na importancia da obra pública, que supón igualdade de oportunidades e calidade de vida para a cidadanía. Neste sentido, recordou que o informe de licitacións da Federación Galega da Construción recolle que só no primeiro semestre deste ano a Xunta licitou actuacións por máis de 500M€, sendo a metade de toda a contratación pública de Galicia correspondente ao Goberno galego. Detallou a aposta pola vivenda, ao reunir máis de tres cuartas partes da contratación.

Concluíu remarcando que “necesitamos enxeñeiros capaces de incorporar as novas tecnoloxías, de responder aos efectos do cambio climático, de facer as nosas infraestruturas máis resilientes, de mellorar a mobilidade e de afrontar retos que seguramente hoxe nin sequera somos capaces de prever”. A este respecto, reafirmou o compromiso da Xunta de seguir traballando da man do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos.

Data de actualización: 17/09/2026