Belén do Campo destaca o investimento de máis de 44.000 € que que permitiu habilitar unha sala multiusos no CEIP Ramón María de Valle Inclán en Oleiros

A delegada da Xunta lembrou que a Xunta de Galicia está a acometer este ano 131 actuacións en centros educativos da provincia da Coruña cun investimento total de 44 M€

Na área metropolitana da Coruña o Goberno galego ten comprometidas 17 actuacións por un importe de case 4,7 millóns de euros

Oleiros (A Coruña), 12 de agosto de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Indalecio Cabana, visitou, esta mañá, o CEIP Ramón María de Valle Inclán en Oleiros no que a Xunta levou a cabo unha obra de reforma para habilitar unha sala multiusos que terá como principal obxectivo albergar os polos creativos. Esta actuación contou cun investimento de máis de 44.000 euros e permitirá dar un servizo acorde coas necesidades actuais deste centro educativo.

A actuación consistiu no acondicionamento desta aula que ten superficie útil de aproximadamente 90 m2 dun local xa existente. Os traballos que se están a executar son os acabados interiores, tales como revestimento de tabiques de ladrillo, pintura, falsos teitos modulares acústicos, recrecido do solo hasta nivel do corredor interior de acceso e novo pavimento, acabados perimetrais de fiestras e instalación e remate da nova porta de entrada.

Ademais tamén está prevista a instalación de calefacción, incluíndo radiadores e circuíto hidráulico de alimentación en tubaxes de aceiro inoxidable e a de iluminación con luminarias led empotradas no falso teito coa instalación eléctrica correspondente.

CEIP

Belén do Campo destacou que este colexio contou, o ano pasado, con máis de 460 alumnos, de educación infantil e primaria. A representante do Goberno autonómico subliñou a implicación do seu profesorado xa que participan en moitos programas educativos como Erasmus, Plambe, Clubs de Ciencia e este ano en Polos Creativos.

Obras

Durante a visita a delegada lembrou que a Xunta de Galicia está a acometer, este ano, 131 actuacións en centros educativos da provincia da Coruña cun investimento total de 44M€, e concretamente, na área metropolitana da Coruña están comprometidas 17 actuacións por un importe de case 4,7 millóns de euros entre as que destacan a ampliación do IES Pastoriza, rehabilitación integral do IES Manuel Murgía e cambio da cuberta do CEIP Ponte dos Brozos en Arteixo; en Cambre as obras de cubrición da pista no IES Alfonso X o Sabio e en Oleiros a ampliación do IES Miraflores. Ademais, este verán estanse a executar 12 pequenas obras por máis de 146.000 euros en centros educativos de  cinco concellos Oleiros, Arteixo, Cambre, Carral e Culleredo.

A delegada da Xunta explicou que todas estas obras se encadran no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica. “Estamos a dar un forte pulo á modernización dos centros ao abeiro desta folla de ruta, coa que poñemos tamén especial fincapé na sustentabilidade medio ambiental, con actuacións como cambios de cubertas, illamento de fachadas, instalación de novas fiestras ou renovación de luminarias e falsos teitos, entre outras”, detallou Belén do Campo. “Todos estes cambios redundan non só nunha maior eficiencia enerxética dos edificios educativos, senón tamén no confort da comunidade escolar e no seu día a día nos centros”, destacou a representante do Goberno autonómico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/08/2025