O presidente da Xunta acudiu ao Centro de Coordinación Provincial de Ourense

Rueda agradece o traballo do dispositivo que está loitando contra os incendios en Galicia e chama a extremar as precaucións

Desexou unha pronta recuperación para os bombeiros da brigada de Oímbra que resultaron feridos

Advertiu de que moitos dos incendios son provocados e que se perseguirá ata o final aos culpables

Ourense, 12 de agosto de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu desde o Centro de Coordinación Provincial de Ourense, onde está constituído o CECOP, todo o traballo que están realizando os numerosos efectivos que loitan contra os incendios forestais en Galicia, e chama a extremar as precaucións.

Rueda, acudiu ao centro de coordinación acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, para facer desde alí o seguimento da situación dos lumes e dos medios terrestres e aéreos, e tamén da Unidade Militar de Emerxencias (UME) e do resto de forzas e seguridade do Estado que se están empregando nas tarefas de control e extinción. Tamén quixo enviar un desexo de pronta recuperación para os tres bombeiros da brigada municipal de Oímbra feridos no lume rexistrado neste concello, mentres realizaban o seu traballo.

Lembrou que está declarada, desde esta mañá, a Situación 2 en toda a provincia de Ourense, co obxectivo de poder actuar con maior axilidade. “Imos seguir traballando o tempo que faga falta”, afirmou, e fixo un chamamento a extremar as precaucións porque “a climatoloxía que estamos tendo non axuda nada, altas temperaturas e refachos de vento moi fortes”, advertiu.

Ademais, lamentou que “moitos dos incendios que se están producindo agora mesmo son provocados”, polo que “perseguiremos ata o final e intentaremos dar con todos aqueles que están provocando incendios coas consecuencias que estamos vendo”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/08/2025