A Xunta impulsa empresas de base tecnolóxica galegas a través da convocatoria de recuperación da excelencia Neotec
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria destas axudas, dotada con 3 M€, que se poden solicitar desde o 22 de agosto ata o 22 de setembro
Benefícianse as pequenas empresas innovadoras galegas de recente creación, co obxectivo de converter a nosa Comunidade en rexión de referencia neste eido
Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2025
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria do programa Recuperación da excelencia Neotec, dirixida ás empresas de base tecnolóxica que superaron os limiares da convocatoria Neotec do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) pero quedaron fóra das axudas por insuficiencia de crédito da convocatoria estatal. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destina a esta liña de acción 3 M€, cos que prevé mobilizar 5 M€ e contribuír ao financiamento dunha decena de proxectos e á creación de, aproximadamente, 100 novos postos de traballo.
Con estas axudas, que se poderán solicitar desde o 22 de agosto ata o 22 de setembro, o Goberno galego promove o crecemento das mellores empresas de base tecnolóxica na nosa comunidade, apoiando aqueles proxectos que se teñen constituído desde os seus inicios no noso territorio. De feito, poderán beneficiarse delas as pequenas empresas de base tecnolóxica, con sede social e centro de traballo principal en Galicia, co obxectivo de converter a nosa Comunidade en rexión de referencia para impulsar startups innovadoras.
Desde 2021 apoiáronse 28 iniciativas a través desta convocatoria, cun investimento de máis de 7 M€. O impacto en termos de emprego das iniciativas apoiadas por este programa é moi significativo e, en total, son máis de 300 os empregados financiados a través dos proxectos desta convocatoria dende a súa posta en marcha.
Absorción e xeración de coñecemento
Ao abeiro desta convocatoria financiarase a posta en marcha de novos proxectos empresariais que requiran o uso de tecnoloxías ou coñecementos desenvolvidos a partir da actividade investigadora e nos que a estratexia de negocio se base no desenvolvemento de tecnoloxía. Prímase a incorporación de persoas con grao de doutor á empresa para reforzar as súas capacidades de absorción e xeración de coñecemento.
As axudas poderán destinarse a proxectos empresariais en calquera ámbito tecnolóxico ou sectorial, sempre que estean aliñados cos retos, prioridades e ámbitos de priorización da Estratexia de Especialización de Galicia (RIS3). Como novidade este ano, a convocatoria é en réxime de concorrencia non competitiva, polo que non haberá un proceso de avaliación dos proxectos e as subvencións concederanse por orde de entrada, e simplifícase a xustificación requirindo unha única xustificación ao remate do proxecto.
Para presentar as súas candidaturas, as empresas deberon superar os limiares mínimos da convocatoria Neotec do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), pero ser desestimadas por insuficiencia de orzamento dispoñible nas convocatorias Neotec nos anos 2023 e 2024.
Os gastos subvencionables abranguen o persoal, investimento en equipos, materiais, asesoría, colaboracións externas, alugueres, subministracións, canons e licenzas, gastos de solicitude e mantemento de patentes e outros dereitos de propiedade industrial, seguros e gastos de promoción e difusión, entre outros.
Poderase financiar ata o 60 % do orzamento elixible do proxecto, cun importe máximo de 250.000 € por entidade beneficiaria. Ademais, para aquelas actuacións que inclúan a contratación laboral de polo menos un doutor, poderase acadar un importe máximo de subvención de 325.000 €. As iniciativas deberán ter un orzamento financiable mínimo de 175.000 €.
Activa I+G+i
Esta liña de axudas enmárcase no programa Activa I+G+i de apoio á colaboración entre empresas e á transferencia efectiva de resultados, ao que a Xunta destina preto de 53 M€ a través de catro grandes convocatorias: Nexos (28 M€), Unidades Mixtas de Investigación (12 M€), Fortalecemento de centros tecnolóxicos (9,75 M€) e Recuperación da excelencia Neotec (3 M€). Con este investimento, o Goberno galego agarda unha mobilización público-privada de máis de 100 M€.
A través destas axudas, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP pon o foco nas pequenas empresas para potenciar unha I+D+i colaborativa e impulsar a transferencia de coñecemento para mellorar a vida da cidadanía. Todas as convocatorias publícanse ao longo do mes de agosto e enmárcanse no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.