Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 14.00 h. de hoxe
Permanece declarada a situación 2 a nivel provincial en Ourense, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia
Están activos os incendios de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita, que son xa un único incendio, con arredor de 10.500 ha afectadas), Maceda (Santiso e Castro de Escuadro, que tamén se uniron, con 2.200 ha), Oímbra-A Granxa (5.000), A Mezquita-A Esculqueira (4.500 ha), Vilardevós-Vilar de Cervos (200 ha) e Larouco-Seadur (150 hectáreas)
Están estabilizados os lumes de Ourense-Seixalbo (100 ha), Vilariño de Conso-Mormentelos (180 ha), Montederramo-Paredes (120 ha) e Vilardevós-Moialde (40 ha) e Dozón-O Castro (400 ha)
Permanecen controlados Samos-Santalla (200 ha), A Fonsagrada-Monteseiro (150 ha), Verín-Mourazos (9 ha) e A Estrada-Souto (20 ha)
Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2025
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 14.00 horas de hoxe, xoves.
LUGO
CONTROLADOS
Controlado Samos-Santalla
Ás 20.18 horas de onte mércores quedou controlado o lume do concello de Samos, parroquia de Santalla, que se iniciou o luns ás 23.27 e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 200 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 3 técnicos, 21 axentes, 36 brigadas, 39 motobombas, 5 pas, 2 helicópteros e 3 avións.
Controlado A Fonsagrada-Monteseiro
Permanece controlado desde as 14.42 horas do domingo o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas do martes día 5 e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 6 técnicos, 68 axentes, 93 brigadas, 95 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros e 8 avións.
OURENSE
Permanece decretada a Situación 2 en toda a provincia, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia. Amplíase tamén o horario laboral do persoal e axilízanse os trámites coas diferentes administracións, especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME).
ACTIVOS
Activo Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita)
O venres día 8 ás 12.51 horas iniciouse un incendio no concello de Chandrexa, parroquia de Requeixo. O martes día 12 empezou outro na parroquia de Parafita, neste mesmo municipio. Os dous acabaron por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie total de 10.500 hectáreas, parte delas tamén no municipio de Manzaneda. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito conxunto, ata o de agora, 21 técnicos, 95 axentes, 134 brigadas, 77 motobombas, 12 pas, 11 unidades técnicas de apoio, 20 helicópteros e 17 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)
Ás 23.37 horas do domingo 10 iniciouse un incendio no concello de Maceda, na parroquia de Castro de Escuadro. O martes 12 ás 03.13 horas empezou outro na parroquia de Santiso, neste mesmo municipio. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 2.200 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse en total 8 técnicos, 64 axentes, 96 brigadas, 63 motobombas, 10 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Oímbra-A Granxa
Permanece activo o incendio forestal do municipio ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 5.000 hectáreas, parte delas no veciño concello de Monterrei. O lume iniciouse ás 14.39 horas do martes e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 13 técnicos, 35 axentes, 53 brigadas, 35 motobombas, 2 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 8 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo A Mezquita-A Esculqueira
Desde as 09.42 horas do martes está activo un incendio forestal no concello ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 4.500 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 4 técnicos, 20 axentes, 20 brigadas, 22 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 11 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboran nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Activo Vilardevós-Vilar de Cervos
Está activo desde onte mércores ás 18.09 horas un incendio no concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, que segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 200 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse para a súa extinción 2 técnicos, 6 axentes, 2 brigadas, 7 motobombas, 1 helicóptero e 2 avións.
Activo Larouco-Seadur
Desde as 18.55 de onte mércores está activo un incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 9 axentes, 14 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 2 helicópteros e 2 avións.
ESTABILIZADOS
Estabilizado Vilariño de Conso-Mormentelos
Desde as 23.37 horas do luns está estabilizado o lume do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que se iniciou o domingo ás 17.30 horas e que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 180 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 15 axentes, 21 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 2 helicópteros e 4 avións.
Estabilizado Montederramo-Paredes
Segue estabilizado desde as 10.35 horas do martes o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo momento, 2 técnicos, 6 axentes, 13 brigadas, 13 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.
Estabilizado Ourense-Seixalbo
Desde as 00.51 horas de onte mércores está estabilizado o incendio forestal iniciado ás 14.14 horas do martes na localidade de Ourense, parroquia de Seixalbo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 100 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 13 axentes, 21 brigadas, 11 motobombas, 4 helicópteros e 4 avións.
Estabilizado Vilardevós-Moialde
Continúa estabilizado desde as 10.02 do martes o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde. Segundo as últimas estimacións, este lume, que se iniciou ás 16.05 horas do luns, afecta arredor de 40 hectáreas e polo de agora mobilizáronse na súa extinción 2 técnicos, 11 axentes, 19 brigadas, 18 motobombas, 3 pas, 4 helicópteros e 6 avións.
CONTROLADOS
Controlado Verín-Mourazos
Esta controlado, desde as 01.01 horas do martes o incendio forestal do concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, iniciado ás 13.15 horas do luns. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 9 hectáreas e, polo momento, para a súa extinción mobilizáronse 1 técnico, 7 axentes, 9 brigadas, 8 motobombas, 1 pa, 2 unidades técnicas de apoio, 2 helicópteros e 7 avións.
PONTEVEDRA
ESTABILIZADOS
Estabilizado Dozón-O Castro
Desde as 21.47 horas de onte mércores está estabilizado o incendio forestal do municipio pontevedrés de Dozón, parroquia do Castro, que se iniciou o martes ás 14.32 horas e que afecta unha superficie estimada de 400 hectáreas. Neste lume decretouse a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación do Castro, unha situación que xa foi desactivada. Para a súa extinción mobilizáronse ata o momento 4 técnicos, 12 axentes, 25 brigadas, 32 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 4 helicópteros e 5 avións.
CONTROLADOS
Controlado A Estrada-Souto
Esta controlado desde as 12.10 horas do martes o incendio forestal do concello da Estrada, parroquia de Souto, que se iniciou o domingo ás 12.37 horas e que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 20 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción, mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 16 axentes, 26 brigadas, 28 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 3 avións.
CONFINAMENTOS, EVACUACIÓNS OU DESALOXOS
Tras a activación dos protocolos de protección á poboación por causa dos incendios forestais que afectan á provincia de Ourense, están a desenvolverse distintas medidas para ofrecer maior seguridade aos diferentes núcleos de habitantes nas zonas onde o lume pon en risco bens non forestais.
Deste xeito, durante a noite procedeuse ao desaloxo de preto de 30 veciños do lugar de Albarellos e mantivéronse confinadas as aldeas de Mixós, Estevesiños, Vences e A Pousa, todos estes núcleos dentro do termo municipal de Monterrei. Ao longo da mañá puideron desconfinarse eses núcleos de poboación e as persoas volver ás súas casas.
Actualmente están confinados 122 veciños do lugar de Casas dos Montes, no concello de Oímbra, e 140 da Madanela, en Monterrei. Tamén se desaloxou a 40 veciños da Bouza, no concello de Viana do Bolo, que xa puideron regresar.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.