Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 09.00 h. de hoxe
Permanece declarada a situación 2 a nivel provincial en Ourense, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia
Están activos os incendios de Agolada-O Sexo (Situación 2 e 400 ha), Chandrexa de Queixa e Vilariño ( que son xa un único incendio, con máis de 16.000 ha afectadas), Maceda (Santiso e Castro de Escuadro, que tamén se uniron, con 3.000 ha), Oímbra-A Granxa (10.500), A Mezquita-A Esculqueira (9.000 ha), Vilardevós-Vilar de Cervos (700 ha), Vilardevós-Moialde (500), Vilardevós-Fumaces e A Trepa (100), Larouco-Seadur (2.000 ha), Carballeda de Avia-Vilar de Condes (200 ha), Carballeda de Avia-Carballeda (20 ha) e Muxía-Nosa Señora da O (50ha)
Están estabilizados os lumes de Toques (desactivada Situación 2 e 300 ha), Montederramo-Paredes (120 ha) e Dozón-O Castro (400 ha)
Permanecen controlados A Fonsagrada-Monteseiro (150 ha), Verín-Mourazos (9 ha) e A Estrada-Souto (20 ha)
Está extinguido o de Ourense-Seixalbo (107,79)
Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2025
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 09.00 horas de hoxe sábado.
A CORUÑA
ACTIVOS
Activo Muxía-Nosa Señora da O
Está activo desde as 13.13 horas de onte venres o lume na localidade coruñesa de Muxía, parroquia de Nosa Señora da O, que segundo as últimas estimacións rolda as 50 hectáreas. Mobilizáronse de xeito acumulado para a súa extinción 3 técnicos, 11 axentes, 18 brigadas e 9 motobombas.
ESTABILIZADOS
Estabilizado Toques-San Martiño de Oleiros. Desactivada Situación 2
Ás 23.58 horas de onte quedou estabilizado o lume iniciado ás 18.49 horas deste xoves no concello coruñés de Toques, parroquia de San Martiño de Oleiros. Neste lume, que segundo as últimas estimacións rolda as 300 hectáreas de superficie afectada, desactivouse na pasada madrugada a Situación 2 adoptada como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Penagundín, no concello limítrofe de Melide. Para a extinción do incendio mobilizáronse de xeito acumulado, 3 técnicos, 12 axentes, 25 brigadas, 25 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 2 avións.
LUGO
CONTROLADOS
Controlado A Fonsagrada-Monteseiro
Permanece controlado desde as 14.42 horas do domingo o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas do martes día 5 e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 6 técnicos, 72 axentes, 97 brigadas, 101 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros e 8 avións.
OURENSE
Permanece decretada a Situación 2 en toda a provincia, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia. Amplíase tamén o horario laboral do persoal e axilízanse os trámites coas diferentes administracións, especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME).
ACTIVOS
Activo Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso-Mormentelos
O venres día 8 ás 12.51 horas iniciouse un incendio no concello de Chandrexa, parroquia de Requeixo. O martes día 12 empezou outro na parroquia de Parafita, neste mesmo municipio. Este xoves, reactivouse o incendio do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que permanecía estabilizado desde a noite do pasado luns e o cal se iniciou o domingo ás 17.30 horas
Os tres acabaron por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie total de 16.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 127 axentes, 143 brigadas, 98 motobombas, 15 pas, 14 unidades técnicas de apoio, 20 helicópteros e 17 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)
Ás 23.37 horas do domingo 10 iniciouse un incendio no concello de Maceda, na parroquia de Castro de Escuadro. O martes 12 ás 03.13 horas empezou outro na parroquia de Santiso, neste mesmo municipio. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.000 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 10 técnicos, 85 axentes, 126 brigadas, 77 motobombas, 11 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Oímbra-A Granxa
Permanece activo o incendio forestal do municipio ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 10.500 hectáreas, parte delas nos concellos de Monterrei, Cualedro, Verín e Laza. O lume iniciouse ás 14.39 horas do martes e para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 15 técnicos, 48 axentes, 60 brigadas, 44 motobombas, 2 pas, 5 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 10 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo A Mezquita-A Esculqueira
Desde as 09.42 horas do martes está activo o incendio forestal que se iniciou no concello ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 9.000 hectáreas. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 4 técnicos, 25 axentes, 24 brigadas, 22 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 3 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboran nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Activo Vilardevós-Vilar de Cervos
Está activo desde o mércores ás 18.09 horas o incendio no concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 700 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 13 axentes, 8 brigadas, 10 motobombas, 2 helicópteros e 2 avións.
Activo Vilardevós-Moialde
Na tarde deste xoves reactivouse o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que se iniciou ás 16.05 horas do luns. Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 500 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 18 axentes, 32 brigadas, 21 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros e 7 avións.
Activo Vilardevós-Fumaces e A Trepa
Activo desde as 17.41 horas do xoves o incendio forestal no concello de Vilardevós, parroquia de Fumaces e A Trepa, que segundo as últimas estimacións rolda as 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 3 avións.
Activo Larouco-Seadur
Desde as 18.55 do mércores está activo o incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 2.000 hectáreas, parte delas nos concellos de Petín, Quiroga e A Rúa. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 10 técnicos, 36 axentes, 55 brigadas, 40 motobombas, 6 pas, 8 helicópteros e 2 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Carballeda de Avia-Vilar de Condes
Está activo desde as 16:38 horas de onte un incendio no concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes que, segundo as últimas estimacións, rolda as 200 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 7 axentes, 14 brigadas, 9 motobombas, 1 pa e 2 helicópteros.
Activo Carballeda de Avia-Carballeda
Activo desde as 18:16 horas de onte venres un incendio no concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Carballeda, que supera as 20 hectáreas e está pendente dunha nova estimación de superficie. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 4 axentes, 4 brigadas, 1 motobomba e 1 pa.
ESTABILIZADOS
Estabilizado Montederramo-Paredes
Segue estabilizado desde as 10.35 horas do martes o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 6 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.
CONTROLADOS
Controlado Verín-Mourazos
Esta controlado, desde as 01.01 horas do martes, o incendio forestal do concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, iniciado ás 13.15 horas do luns. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 9 hectáreas e, para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 1 técnico, 7 axentes, 9 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 6 avións.
EXTINGUIDOS
Extinguido desde as 00.51 horas da madrugada de hoxe o incendio forestal iniciado ás 14.14 horas do martes na localidade de Ourense, parroquia de Seixalbo, que afectou a unha superficie de 107,79 hectáreas, das cales 77,79 se corresponden con monte raso e as 30 restantes con arborado. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 1 técnico, 19 axentes, 21 brigadas, 12 motobombas, 4 helicópteros e 4 avións.
PONTEVEDRA
ACTIVOS
Activo Agolada-O Sexo. Situación 2
Ás 13.26 horas de onte venres iniciouse o incendio forestal no concello de Agolada, parroquia do Sexo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 400 hectáreas. Neste lume decretouse a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación do Sexo. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 9 axentes, 16 brigadas, 20 motobombas, 2 pa, 2 helicópteros e 2 avións.
ESTABILIZADOS
Estabilizado Dozón-O Castro
Desde as 21.47 horas do mércores está estabilizado o incendio forestal do municipio pontevedrés de Dozón, parroquia do Castro, que se iniciou o martes ás 14.32 horas e que afecta unha superficie estimada de 400 hectáreas. Neste lume decretouse a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación do Castro, unha situación que xa foi desactivada. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 4 técnicos, 16 axentes, 30 brigadas, 39 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 5 helicópteros e 4 avións.
CONTROLADOS
Controlado A Estrada-Souto
Esta controlado desde as 12.10 horas do martes o incendio forestal do concello da Estrada, parroquia de Souto, que se iniciou o domingo ás 12.37 horas e que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 20 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción, mobilizáronse, de xeito acumulado, 1 técnico, 20 axentes, 31 brigadas, 35 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 4 helicóptero e 3 avións.
CONFINAMENTOS, EVACUACIÓNS OU DESALOXOS
Mantéñense activas as medidas de protección á cidadanía a causa dos incendios forestais na provincia de Ourense, cun total de 68 persoas que constan confinadas de maneira preventiva.
As persoas que se resgardaron nas súas casas son de diferentes núcleos de poboación, entre os que se atopan Mosteiro, O Bouzo e Vilar de Lebres, do concello de Trasmiras, Montederramo e Viloxe, do concello de Montederramo, Petín, Barxela e O Porto, do municipio de Petín, e San Julián, da Rúa. Non se levou a cabo ningunha evacuación desde o día de onte.
Igualmente, seguen a estar activos os protocolos de protección á cidadanía (Situación 2) en toda a provincia de Ourense. Por outra parte, o 061 informa de 5 persoas feridas que se desprazaron por medios propios ao Hospital do Barco de Valdeorras.
Non constan cortes de vías durante a noite e mantéñense as recomendacións de non circular e evitar desprazamentos, así como de quedarse en casa trasladadas a través do ES-Alert.