O delegado da Xunta reúnese cos alcaldes da provincia de Lugo para reforzar a coordinación fronte aos incendios forestais

Javier Arias destacou a prioridade absoluta de protexer ás persoas e ás vivendas ante a situación excepcional que vive Galicia

 

Lugo, 19 de agosto de 2025

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañado pola directora territorial da Consellería do Medio Rural, Olga Iglesias, e polo xefe do servizo de Emerxencias, Daniel Díaz, reuniuse hoxe cos representantes municipais da provincia para reforzar a coordinación fronte á elevada actividade incendiaria que está a rexistrar Galicia durante este mes de agosto.

Na xuntanza, Arias lembrou que “estamos ante unha situación excepcional, que obriga a dar prioridade absoluta á defensa das persoas e das vivendas naqueles lugares onde os incendios están a avanzar con especial violencia”.

O representante autonómico destacou a importancia do contacto e a coordinación tamén cos alcaldes, porque son “os que mellor coñecedes o territorio de cada concello” e aproveitou para agradecer o labor que se está a desenvolver desde os servizos municipais e tamén por parte dos gandeiros, “que están colaborando activamente cos medios dos que dispoñen”.

Arias referiuse nos encontros desta mañá á “anómala” situación de incendios que estamos tendo na comunidade, “que son ademais de especial virulencia polas condicións climáticas actuais e acumuladas de seca”. Desde o 1 de agosto rexistráronse 492 incendios en Galicia, uns 370 máis que no mesmo período do ano pasado. Só na xornada do domingo chegaron a declararse preto de 30 novos lumes en toda a comunidade, a maiores dos que xa estaban activos.

Neste senso, destacou que a Xunta despregou o maior operativo da súa historia, por máis de 3.000 profesionais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, aos que se suman máis de 200 bombeiros, GES e Protección Civil, 343 efectivos de brigadas municipais, 380 motobombas, 36 buldócer, 10 batracios e 32 medios aéreos, ademais de persoal da Policía Autonómica, da UME e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Chamamento á colaboración dos concellos

O delegado territorial trasladou tamén ao conxunto dos rexedores algunhas medidas destacadas de cara á prevención de lumes forestais, como a necesidade de extremar as labores de vixilancia en zonas de especial sensibilidade, revisar o estado das faixas secundarias, facer unha revisión de todos os puntos de auga municipais para garantir que estean limpos e accesibles ou ter dispoñibles os medios humanos e materiais dos que dispoña cada Concello por se fora necesario empregalos en caso de emerxencia. Tamén se destacou a importancia de lembrar aos veciños e veciñas a necesidade de extremar as precaucións, avisar ao 085 en caso de incendio, e colaborar -como se vén facendo- co operativo da Xunta en caso necesario.

Finalmente, lembróuselles a importancia de dar aviso inmediato ao 085 ante calquera incendio e de seguir colaborando co operativo da Xunta, tal e como veñen facendo habitualmente. Arias subliñou que moitos dos lumes que se están producindo son claramente intencionados e que “quen pon en perigo vidas humanas e fogares atopará sempre a tolerancia cero por parte da Xunta, coa esixencia de que todo o peso da lei caia sobre eles”.

 

Data de actualización: 19/08/2025