O presidente da Xunta acudiu en Chandrexa de Queixa a un acto de reparto de alimentación para o gando nunha explotación gandeira afectada polos lumes
Rueda informa de que a Xunta proveerá alimentación para o gando a todas as explotacións gandeiras afectadas polos lumes
Insta aos gandeiros a que se poñan en contacto co seu concello para que este lle traslade as súas necesidades á Xunta.
Sinala que xa son seis os puntos de recollida habilitados para recoller e distribuír o alimento, todos na provincia de Ourense, e que estase a traballar para amplialos a oito
Chandrexa de Queixa (Ourense), 19 de agosto de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, informou hoxe de que a Xunta proveerá alimentación para o gando a todas as explotacións gandeiras afectadas polos lumes.
O titular do Goberno galego acudiu hoxe a un acto de reparto de alimentación para o gando nunha explotación gandeira afectada polos lumes en Chandrexa de Queixa. Alí coñeceu de primeira man a situación na que se atopan algunhas explotacións neste contexto de emerxencia.
Segundo sinalou, moitos gandeiros quedaron sen pastos cos que alimentar ao seu gando e sen provisións de alimentación por culpa do lume. Co fin de axudar a un sector “que lle dá valor ao monte, permite facer vida no rural e que e haxa actividade económica”, a Xunta garante desde o sábado 16 o alimento para os animais de todas as explotacións gandeiras afectadas, tamén asumindo todos os custos derivados da medida.
Así, Rueda fixo un chamamento aos gandeiros que o precisen para que se poñan en contacto co seu concello para que este lle traslade as súas necesidades á Xunta para darlles “apoio económico”. Neste sentido, recordou que o paquete de axudas para, entre outros, sufragar os gastos derivados de alimentación para o gando das explotacións afectadas polas lapas, aprobarase a semana que vén.
Tal e como detallou, estas accións estanse a dar en coordinación cos concellos e asociacións de gandeiros, a través dunha contratación de emerxencia coa empresa pública TRAGSA.
Dáse así un prazo de tempo para que os gandeiros e gandeiras afectadas xestionen a compra de pensos e alimentación animal, coa previsión de convocar ordes de axudas para, entre outros, sufragar os gastos derivados de alimentar ao gando.
Por outra banda, xa son seis os puntos de recollida habilitados para recoller e distribuír o alimento, todos na provincia de Ourense e estase a traballar para amplialos a oito.