Medio Rural reforza o seu compromiso coa agricultura ecolóxica no II encontro galego deste sector

A Xunta, a través de AGACAL, impulsa a celebración deste encontro, que terá lugar o vindeiro 17 de outubro en Parga, Guitiriz

A iniciativa busca promover o consumo de produtos ecolóxicos galegos e contribuír á xeración de valor e novas oportunidades para os produtores

Guitiriz (Lugo), 13 de outubro de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), Martín Alemparte, asistiu hoxe á presentación do II Encontro Ecolóxico Galego, organizado por PROECOGAL, que se celebrará o vindeiro 17 de outubro no Campo da Feira de Parga, en Guitiriz. A Consellería do Medio Rural, a través de AGACAL, presta un apoio decisivo á celebración deste encontro, reafirmando así o seu compromiso coa agricultura ecolóxica galega e con iniciativas que permiten dar visibilidade aos produtores, achegar os seus produtos aos consumidores e favorecer novas oportunidades de comercialización e xeración de valor no rural.

O evento contará cunha programación que inclúe postos de venda de produtos ecolóxicos, obradoiros, actividades divulgativas, demostracións gastronómicas e actuacións musicais, ademais de sorteos e agasallos ao longo da xornada.

Deste xeito, desde Medio Rural destácase a importancia da agricultura ecolóxica como parte da estratexia de promoción da calidade diferenciada de Galicia, xunto coas denominacións de orixe, as indicacións xeográficas protexidas e a artesanía alimentaria. Todas estas producións comparten unha identidade promocional común baixo a marca Aquí Sabemos, coa que a Xunta busca reforzar o recoñecemento e a valorización dos Alimentos de Calidade Diferenciada de Galicia.

Neste sentido, saliéntase tamén o papel da certificación do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), que garante o cumprimento dos requisitos da produción ecolóxica e ofrece confianza aos consumidores.

A Xunta lembra que apostar polo consumo de produtos ecolóxicos galegos é tamén apoiar os nosos produtores, contribuír á actividade económica e favorecer o mantemento da poboación no rural.

Data de actualización: 13/10/2026