Román Rodríguez destaca que a Xunta rematou xa máis do 80% das obras de verán nos centros educativos
O conselleiro de Educación explica desde Arbo que a previsión é que as 227 pequenas e medianas intervencións, por máis de 3M€, estean finalizadas no inicio do curso
Sinala que, a maiores, se aproveitan os meses estivais para intensificar os traballos noutras 83 actuacións de gran envergadura, cun investimento de 103M€
Lembra que o ensino “non para no verán” para ter todo listo o vindeiro 8 de setembro e agradece a traballadores e empresas o seu labor nestas semanas
Comproba as melloras no Colexio Antonio Carpintero, que estreará cambio de cuberta e fiestras, e que forman parte da máis de 300 obras por 106 M€ en marcha
Arbo (Pontevedra), 22 de agosto de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Colexio Antonio Carpintero de Arbo, onde destacou que a Xunta rematou xa máis do 80% das obras de verán nos centros educativos. Neste sentido, explicou que a previsión é que as 227 intervencións de pequena e mediana envergadura en 194 colexios e institutos, que se levan a cabo durante os meses estivais por máis de 3M€, estean finalizadas para o inicio do novo curso académico.
“Trátase de arranxos e reformas necesarias no funcionamento do día a día dos centros e moi apreciadas pola comunidade escolar, xa que abranguen traballos de pintura, reparacións varias, actuacións na instalación eléctrica, de fontanería, saneamento e baños ou calefacción, entre outras”, sinalou o conselleiro desde o centro pontevedrés. “Trátase dunha posta ao día como fai calquera cidadán nas súas casas. Desde a Consellería facémolo nos colexios e institutos, que son o fogar de alumnos e docentes”, afirmou.
As obras agrúpanse no Plan de benestar e accesibilidade na escola, Ben_Estar 2025, que inclúe melloras en patios, cambios puntuais de fiestras, portas ou lucernarios, renovación de equipamentos de cociña ou adaptación de espazos, entre outras tarefas.
Todo listo o 8 de setembro
Con motivo da súa visita a Arbo, agradeceu aos traballadores e ás empresas o seu labor nestas semanas, “un período no que no ensino non para”. De feito, sinalou que son semanas intensas tanto nos centros como a nivel administrativo para que todo estea listo a tempo o vindeiro 8 de setembro. Neste senso, referiuse a outros procedementos desenvoltos con éxito como as oposicións ou os diversos procesos de matrícula.
Román Rodríguez lembrou que, a maiores, a Xunta aproveita estes meses para intensificar os traballos –tanto de obra como administrativos– noutras 83 grandes intervencións cuxo prazo de execución excede o verán debido a súa ampla dimensión. Con este fin, prográmanse en xullo e agosto partes máis complexas ou molestas das obras, de maneira que afecten o menos posible durante o curso ao desenvolvemento das clases. Trátase de exemplos como cambios de cuberta, ampliacións ou rehabilitación integrais. Todas forman parte da programación da Xunta a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta para modernizar e actualizar as instalacións escolares da Comunidade.
Intervencións por provincias
Do total das intervencións de pequeno e mediano tamaño, na provincia de Coruña execútanse un cento delas cun importe de case 1,2M€, na de Lugo 48 obras por preto de 710.000€, en Ourense 52 intervencións cun orzamento de case 530.000€ e en Pontevedra 27 melloras cun custo de 765.000€. Pola súa banda, as obras de gran envergadura distribúense do seguinte xeito: 31 correspóndense coa provincia da Coruña (42,9M€), 12 na de Lugo (7,1 M€), oito na de Ourense (4,7 M€) e 32 coa de Pontevedra (48,6 M€).
Mellora do colexio de Arbo
Precisamente, o conselleiro comprobou hoxe en Arbo o avance dunha das obras de gran envergadura, o cambio de cuberta e fiestras do Colexio Antonio Carpintero. Cun investimento de 500.000€ por parte do Goberno galego, os traballos avanzan a bo ritmo e está previsto que rematen para o inicio do curso escolar, cando se estrearán.
En conxunto, a actuación propiciará un centro máis confortable para o alumnado e o profesorado, así como para os demais profesionais e usuarios do mesmo. Ademais, será máis eficiente desde o punto de vista enerxético, aforrando así nos seus consumos e contribuíndo a unha maior sustentabilidade desde o punto de vista medio ambiental.
A obra consiste no cambio dos máis de 2.000 m² de cuberta por unha nova de panel tipo sandwich de chapa de aceiro galvanizado lacado ao exterior e ao interior e con recheo intermedio de escuma de poliuretano, ao que se suma unha capa de illamento térmico disposto sobre o forxado de baixo cuberta nas aulas e sobre o falso teito no comedor.
Ademais, múdanse un total de 49 fiestras e seis portas repartidas entre os tres andares do edificio principal e o comedor. As novas carpinterías son de aluminio natural con rotura de ponte térmica, acompañadas de persianas compactas con lamas de aluminio. Nas xanelas localizadas a unha altura que non permita a súa fácil apertura procédese á súa motorización e nos aseos dispóñense aireadores para garantir unha ventilación permanente. A maiores, acométense traballos de limpeza e pintura dos aleiros.