A Xunta destaca a implicación da ONG Rescate Internacional na segunda edición do programa de arraigo para a formación con 35 persoas beneficiarias

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego mantivo esta tarde en Becerreá un encontro no marco da iniciativa, no que agradeceu que a ONG se sumase a Cáritas Federadas en Galicia, Cáritas de Lugo e as Escolas Familiares Agrarias

Zeltia Lado puxo de relevo o papel tanto das persoas migrantes usuarias do programa a través de Rescate Internacional como das 36 empresas que lles ofertaron traballo, en sectores como a gandaría, a construción, o forestal, os servizos e a comunicación

Becerreá (Lugo), 25 de agosto de 2025

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, mantivo esta tarde na localidade lucense de Becerreá un encontro no marco do programa de arraigamento para a formación dirixido a migrantes en situación irregular, poñendo de relevo esta iniciativa que se está a consolidar cunha segunda edición co fin de beneficiar 180 persoas ao tempo que se dá resposta ás necesidades dos sectores que máis man de obra precisan. En concreto, agradeceu a implicación da ONG Rescate Internacional, que se estrea nesta segunda andaina do proxecto sumándose a Cáritas Federadas en Galicia, Cáritas de Lugo e as Escolas Familiares Agrarias de Galicia.

Nese senso, a directora xeral celebrou que a ONG estea orientando a un total de 35 persoas usuarias —nove delas presentes no acto desta tarde—, que todas elas teñan xa permiso de residencia e a maioría tamén permiso de traballo. Canto aos postos nos que poderán encaixar, puxo en valor que un total de 36 empresas ofertaron vacantes para elas, agradecendo a súa presenza aos cinco empresarios que tamén asistiron ao encontro de hoxe, dando conta das necesidades concretas nos ámbitos da gandaría, da construción, do forestal, dos servizos e da comunicación.

Nesa liña, Lado destacou a implicación non só dos negocios do municipio de Becerreá —de onde proceden sete das empresas— como a do resto de centros de traballo colaboradores, provenientes das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra. Lembrou que o proxecto se artella a través de formacións de curta duración pensadas para cubrir as súas necesidades, centradas en eidos como o turismo e a hostalaría, a atención sociosanitaria, a construción, a gandaría, a produción agroalimentaria, a limpeza, o mantemento de maquinaria ou a beleza, entre outros.

A Xunta —dixo— fai valer así a obtención de microcredenciais para a integración sociolaboral das persoas migrantes, unha tipoloxía de formación desbotada polo Goberno central no novo Regulamento de estranxeiría malia as alegacións presentadas por Galicia, polo que —destacou a directora xeral— se seguirá trasladando ao Estado a necesidade e pertinencia de medidas que atendan as necesidades das persoas migrantes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/08/2025