Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20.30 h. de hoxe

Este mediodía desactivouse a Situación 2 en toda a provincia de Ourense, despois de decretarse o martes 12 de agosto

Pasou a estar controlado o lume de Vilardevós-Vilar de Cervos (900 ha), que estaba en situación de estabilizado

Permanecen activos os lumes da Pobra do Brollón-Abrence (800 ha e declarada situación 2); Carballeda de Valdeorras-Casaio (5.000 ha); Avión-Nieva (250 ha) e A Fonsagrada-San Pedro de Río (30 ha)

Permanecen estabilizados os incendios de Chandrexa de Queixa e Vilariño (19.000 ha); Larouco-Seadur (arredor de 30.000 ha); Oímbra e Xinzo de Limia (A Granxa e Gudín, 17.000 ha); A Mezquita-A Esculqueira (10.000 ha); e Carballeda de Avia e Beade (Vilar de Condes e As Regadas, 4.000 ha)

Continúan controlados os lumes de Maceda (Santiso e Castro de Escuadro, 3.500 ha); Montederramo-Paredes (120 ha) e Carballedo- A Cova (100 ha)

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2025

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 20.30 horas de hoxe martes.

A principal novidade é o control, esta tarde, do incendio de Vilardevós-Vilar de Cervos, que permanecía ata o de agora estabilizado. Polo demais, cómpre salientar a desactivación, este mediodía, da Situación 2 a nivel provincial en Ourense, que se decretou o pasado 12 de agosto para axilizar e mellorar a coordinación de todo o dispositivo na loita contra os incendios. Continúan activos catro incendios de máis de 20 hectáreas en Galicia. Trátase dos da Fonsagrada-San Pedro de Río e A Pobra do Brollón-Abrence na provincia de Lugo, e dos de Avión-Nieva e de Carballeda de Valdeorras-Casaio, na de Ourense.

LUGO

ACTIVOS

Activo A Fonsagrada-San Pedro de Río

Dende ás 01.50 horas de hoxe está activo un incendio forestal no concello lucense da Fonsagrada, parroquia de San Pedro de Río, que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 30 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 7 axentes, 17 brigadas, 15 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 4 avións.

Activo A Pobra do Brollón-Abrence. Activada Situación 2

Desde as 13.06 horas de onte está activo un incendio forestal no concello lucense da Pobra do Brollón, parroquia de Abrence, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 800 hectáreas. Neste lume decretouse a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade aos núcleos de Golmar, nesta mesma localidade; e nos de Conceado e San Pedro, xa no municipio veciño de Quiroga. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 9 técnicos, 44 axentes, 50 brigadas, 37 motobombas, 5 pas, 8 helicópteros e 13 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

CONTROLADOS

Controlado Carballedo-A Cova

Desde as 11.30 horas do domingo 24 permanece controlado o incendio forestal do concello lucense de Carballedo, parroquia da Cova, que se orixinou o xoves 21 ás 18.14 horas e no que tivo que decretarse a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Oleiros, unha situación operativa xa desactivada. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 técnicos, 25 axentes, 44 brigadas, 33 motobombas, 3 pas, 5 helicópteros e 4 avións.

OURENSE

Este mediodía desactivouse a Situación 2 toda a provincia de Ourense, decretada o pasado martes 12 de agosto.  Esta situación operativa de emerxencia implicou unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia. Esta situación tamén implica a ampliación do horario laboral do persoal e maior axilidade nos trámites coas diferentes administracións, especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME).

ACTIVOS

Activo Avión-Nieva

Desde as 17.09 horas do domingo está activo un lume no concello ourensán de Avión, parroquia de Nieva, que afecta unha superficie estimada de arredor de 250 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 4 técnicos, 25 axentes, 45 brigadas, 26 motobombas, 5 pas, 10 helicópteros e 6 avións.

Activo Carballeda de Valdeorras-Casaio

Segue activo, desde as 18.42 horas do luns 18, o lume do concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 5.000 hectáreas e que entrou en Galicia dende Castela e León. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 10 técnicos, 53 axentes, 95 brigadas, 41 motobombas, 4 pas, 13 helicópteros e 11 avións.

ESTABILIZADOS

Estabilizado Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso-Mormentelos

Desde as 13.01 horas de onte luns permanece estabilizado na súa totalidade o lume de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso (Mormentelos). Estes incendios comezaron en Chandrexa o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o foco do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos. Segundo as últimas estimacións provisionais, o lume afecta unha superficie de arredor de 19.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 173 axentes, 229 brigadas, 124 motobombas, 19 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 34 helicópteros e 29 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Estabilizado Larouco-Seadur

Desde as 11.25 horas do sábado 23 permanece estabilizado o incendio iniciado o mércores 13 ás 18.55 horas no concello ourensán de Larouco, parroquia de Seadur, que afecta unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 54 técnicos, 244 axentes, 319 brigadas, 251 motobombas, 12 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 14 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Estabilizado Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín

Este lume continúa estabilizado na súa totalidade. O martes 12 iniciouse no concello ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un incendio forestal que se uniu con outro rexistrado o pasado venres 15 ás 17.22 horas na localidade ourensá de Xinzo de Limia, Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 17.000 hectáreas, ademais de nas localidades de Oímbra e Xinzo de Limia, nas de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. O foco iniciado en Oímbra-A Granxa deuse por estabilizado ás 22.29 horas do venres 22, e así súmase ao que xa fora igualmente estabilizado ás 02.45 horas do martes 19, correspondente a Xinzo de Limia-Gudín. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 167 axentes, 228 brigadas, 144 motobombas, 6 pas, 8 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 34 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Estabilizado A Mezquita-A Esculqueira

Segue estabilizado, desde as 21.20 horas do venres, día 22, o incendio do concello da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que se iniciaba o martes 12 ás 21.20 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 8 técnicos, 53 axentes, 74 brigadas, 61 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 20 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.

Estabilizado Carballeda de Avia-Vilar de Condes e Beade-As Regadas

O venres día 15 ás 16.38 horas iniciábase o incendio forestal do concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes. Ese mesmo día, ás 18.16 rexistrouse outro na localidade ourensá de Beade, parroquia de As Regadas. Os dous lumes uníronse nun só, que está estabilizado desde o xoves 21 ás 11.36 horas e que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 4.000 hectáreas, parte delas nos municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 6 técnicos, 111 axentes, 192 brigadas, 104 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 12 avións.

CONTROLADOS

Controlado Vilardevós-Vilar de Cervos

Está controlado desde as 14.56 horas de hoxe martes o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, iniciado o mércores 13 ás 18.09 horas. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 23 axentes, 16 brigadas, 15 motobombas, 3 helicópteros e 7 avións.

Controlado Montederramo-Paredes

Continúa controlado desde as 22.05 horas do venres, día 22, o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns 11 ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 6 axentes, 14 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.

Controlado Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)

O domingo 10 e o martes 12 comezaron dous incendios forestais no concello ourensán de Maceda, nas parroquias de Castro Escuadro e Santiso, respectivamente. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume que quedou controlado ás 19.52 horas do venres día 22. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.500 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 11 técnicos, 101 axentes, 157 brigadas, 87 motobombas, 11 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 19 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

CONFINAMENTOS, EVACUACIÓNS OU DESALOXOS

Mantense activa a vixilancia e as medidas de protección pola proximidade de varios núcleos de poboación ao incendio forestal da Pobra do Brollón e Quiroga. Con todo, durante a xornada de hoxe non se rexistraron evacuacións nin confinamentos vinculados a este lume.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/08/2025