A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou co alcalde de Arteixo, José Carlos Calvelo Martínez, o convenio de colaboración para o financiamento desta actuación

A Xunta colabora co concello de Arteixo na humanización da travesía de Arteixo

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas financia esta intervención cun préstamo sen xuros por 925.000€ do Fondo de Cooperación ao Concello, a través da liña dirixida a municipios de menos de 50.000 habitantes

Arteixo (A Coruña), 27 de agosto de 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou co alcalde de Arteixo, José Carlos Calvelo Martínez, o convenio para a concesión dun préstamo por un importe total de 925.000€ do Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes. Esta liña está destinada a financiar obras de conservación de patrimonio, rexeneración urbana ou adquisición de inmobles para rehabilitar.

En concreto, o convenio firmado hoxe no marco deste fondo, ten como obxecto a humanización da Travesía de Arteixo, desde a rotonda da AG-55 ata o cruce coa rúa Reconquista. Esta actuación xerará un espazo onde se alternan prazas con zonas arboradas. Ademais, reducirá o espazo destinado ó tráfico rodado, recuperando o espazo para o peón e permitindo mellorar as condicións de accesibilidade.

M. Allegue destacou que a firma da concesión é un bo exemplo de cooperación entre Xunta e entidades locais de cara a impulsar “actuacións que teñen impacto real na veciñanza”, e destacou o valor da colaboración entre administracións, sobre todo no eido da vivenda, “un gran reto ao que nos enfrontamos e no que compartimos competencia cos Concellos”.

Este préstamo sen xuros ao concello de Arteixo, que ten como prazo de devolución 8 anos, correspóndese á convocatoria 2025 desta liña de achegas, dotada dun total de 3,7M€, e que estará aberta para presentar solicitudes ata o vindeiro 15 de outubro. 

A Xunta, dende a posta en marcha deste Fondo en 2017, leva concedidos préstamos por un importe de preto de 26M€ para impulsar 106 actuacións en 50 concellos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/08/2025