Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 08.30 h. de hoxe
Durante a noite de onte controláronse os incendios de Oímbra e Xinzo de Limia (A Granxa e Gudín, 17.000 ha); A Mezquita-A Esculqueira (10.000 ha); Carballeda de Avia e Beade (Vilar de Condes e As Regadas, 4.000 ha); Larouco-Seadur (arredor de 30.000 ha) e Chandrexa de Queixa (19.000 ha)
Deuse por extinguido o lume de A Fonsagrada-San Pedro de Río (53,47 ha)
Permanecen activos os lumes da Pobra do Brollón-Abrence (900 ha e desactivada situación 2) e Avión-Nieva (250 ha)
Está estabilizado o incendio de Carballeda de Valdeorras-Casaio (5.000 ha)
Continúan controlados os lumes de Maceda (Santiso e Castro de Escuadro, 3.500 ha); Montederramo-Paredes (120 ha) e Vilardevós-Vilar de Cervos (900 ha)
Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2025
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 08.30 horas de hoxe xoves.
As principais novidades de hoxe atópanse na provincia de Ourense, onde se controlaron os lumes de Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín, A Mezquita-A Esculqueira, Carballeda de Avia-Vilar de Condes e Beade-As Regadas, Larouco-Seadur e Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita). Por outra banda, en Lugo deuse por extinguido o incendio do concello da Fonsagrada-San Pedro de Río. Deste xeito, continúan activos dous incendios de máis de 20 hectáreas en Galicia. Trátase do da Pobra do Brollón-Abrence, na provincia de Lugo, e do de Avión-Nieva, na de Ourense.
LUGO
EXTINGUIDOS
Extinguido A Fonsagrada-San Pedro de Río
Ás 23.13 horas de onte quedou extinguido o incendio rexistrado o martes ás 01.50 horas no concello lucense da Fonsagrada, parroquia de San Pedro de Río, que finalmente afectou unha superficie de 53,47 hectáreas, 8 delas de arborado e as 45,47 restantes de raso. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 2 técnicos, 17 axentes, 30 brigadas, 28 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 4 avións.
ACTIVOS
Activo A Pobra do Brollón-Abrence. Desactivada Situación 2
Desde as 13.06 horas do luns está activo un incendio forestal no concello lucense da Pobra do Brollón, parroquia de Abrence, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas. Neste lume desactivouse a Situación 2, medida adoptada de forma preventiva pola súa proximidade aos núcleos de Golmar, nesta mesma localidade; e nos de Conceado e San Pedro, xa no municipio veciño de Quiroga. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 13 técnicos, 67 axentes, 71 brigadas, 59 motobombas, 5 pas, 9 helicópteros e 13 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
OURENSE
ACTIVOS
Activo Avión-Nieva
Desde as 17.09 horas do domingo está activo un lume no concello ourensán de Avión, parroquia de Nieva, que afecta unha superficie estimada de arredor de 250 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 5 técnicos, 33 axentes, 63 brigadas, 36 motobombas, 5 pas, 10 helicópteros e 8 avións.
ESTABILIZADOS
Estabilizado Carballeda de Valdeorras-Casaio
Está estabilizado desde as 21.01 horas de onte o incendio do concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio, que comezaba ás 18.42 horas do luns 18. Segundo as últimas estimacións provisionais, este lume, que entrou en Galicia desde Castela e León, afecta arredor de 5.000 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 10 técnicos, 56 axentes, 100 brigadas, 42 motobombas, 4 pas, 13 helicópteros e 11 avións.
CONTROLADOS
Controlado Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín
Este incendio está controlado dende as 21.12 horas de onte. O martes 12 iniciouse no municipio ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un lume que se uniu con outro rexistrado o pasado venres 15 ás 17.22 horas na localidade de Xinzo de Limia, Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 17.000 hectáreas, parte delas nos concellos de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 169 axentes, 228 brigadas, 147 motobombas, 6 pas, 8 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 34 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Controlado A Mezquita-A Esculqueira
Está xa controlado, dende as 21.12 horas de onte, o incendio do concello da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que se iniciou o martes 12 ás 21.20 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 8 técnicos, 53 axentes, 74 brigadas, 61 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 20 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Controlado Carballeda de Avia-Vilar de Condes e Beade-As Regadas
O venres día 15 ás 16.38 horas iniciábase o incendio forestal do concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes. Ese mesmo día, ás 18.16 rexistrouse outro na localidade ourensá de Beade, parroquia de As Regadas. Os dous lumes uníronse nun só, que está controlado desde ás 22.10 horas de onte e que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 4.000 hectáreas, parte delas nos municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 6 técnicos, 114 axentes, 196 brigadas, 110 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 12 avións.
Controlado Larouco-Seadur
Desde as 22.01 horas de onte está controlado o incendio iniciado o mércores 13 ás 18.55 horas no concello ourensán de Larouco, parroquia de Seadur, que afecta unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 54 técnicos, 245 axentes, 319 brigadas, 254 motobombas, 12 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Controlado Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e estabilizado Vilariño de Conso-Mormentelos
Desde as 21.37 horas de onte están controlados os focos de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita), mentres que o de Vilariño de Conso (Mormentelos) mantense estabilizado. Os incendios comezaron en Chandrexa o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o foco do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos. Segundo as últimas estimacións provisionais, o lume afecta unha superficie de arredor de 19.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 182 axentes, 229 brigadas, 133 motobombas, 21 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 34 helicópteros e 30 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Controlado Vilardevós-Vilar de Cervos
Está controlado desde as 14.56 horas de onte o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, iniciado o mércores 13 ás 18.09 horas. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 23 axentes, 16 brigadas, 15 motobombas, 3 helicópteros e 7 avións.
Controlado Montederramo-Paredes
Continúa controlado desde as 22.05 horas do venres, día 22, o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns 11 ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 6 axentes, 14 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.
Controlado Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)
O domingo 10 e o martes 12 comezaron dous incendios forestais no concello ourensán de Maceda, nas parroquias de Castro Escuadro e Santiso, respectivamente. Ambos acabaron por unirse nun só lume que quedou controlado ás 19.52 horas do venres día 22. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.500 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 11 técnicos, 101 axentes, 157 brigadas, 88 motobombas, 11 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 19 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Cómpre salientar que nos incendios estase a contar coa colaboración de bombeiros dos consorcios provinciais, bombeiros municipais, GES e servizos de emerxencias locais.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.