Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 08.30 h. de hoxe

Seguen estabilizados os incendios da Pobra do Brollón-Abrence (900 ha) e Avión-Nieva (250 ha)

Permanecen controlados os incendios de Oímbra e Xinzo de Limia (A Granxa e Gudín, 17.000 ha); A Mezquita-A Esculqueira (10.000 ha); Carballeda de Avia e Beade (Vilar de Condes e As Regadas, 4.000 ha); Larouco-Seadur (arredor de 30.000 ha); Chandrexa de Queixa (19.000 ha); Maceda (Santiso e Castro de Escuadro, 3.500 ha); Montederramo-Paredes (120 ha); Vilardevós-Vilar de Cervos (900 ha) e Carballeda de Valdeorras-Casaio (5.000 ha)

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2025

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 08.30 horas de hoxe venres.

Non hai ningún lume activo nestes momentos en Galicia.

LUGO

ESTABILIZADOS

Estabilizado A Pobra do Brollón-Abrence

Ás 11.07 horas de onte quedou estabilizado o incendio forestal do concello lucense da Pobra do Brollón, parroquia de Abrence, que se iniciou o pasado luns ás 13.06 horas. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas. Neste lume xa está desactivada, tamén, a Situación 2, medida adoptada de forma preventiva pola súa proximidade aos núcleos de Golmar, nesta mesma localidade; e nos de Conceado e San Pedro, xa no municipio veciño de Quiroga. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 13 técnicos, 76 axentes, 80 brigadas, 65 motobombas, 5 pas, 9 helicópteros e 13 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

OURENSE

ESTABILIZADOS

Estabilizado Avión-Nieva

Ás 14.42 horas de onte quedou estabilizado o lume do concello ourensán de Avión, parroquia de Nieva, que se orixinou ás 17.09 horas do domingo día 24. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 250 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 5 técnicos, 36 axentes, 69 brigadas, 40 motobombas, 5 pas, 10 helicópteros e 8 avións.

CONTROLADOS

Controlado Carballeda de Valdeorras-Casaio

Ás 20.21 horas de onte deuse por controlado o incendio do concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio, que comezaba ás 18.42 horas do luns 18. Segundo as últimas estimacións provisionais, este lume, que entrou en Galicia desde Castela e León, afecta arredor de 5.000 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 10 técnicos, 59 axentes, 102 brigadas, 42 motobombas, 4 pas, 13 helicópteros e 11 avións.

Controlado Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín

Este incendio permanece controlado dende as 21.12 horas deste mércores, día 27. O martes 12 iniciouse no municipio ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un lume que se uniu con outro rexistrado o pasado venres 15 ás 17.22 horas na localidade de Xinzo de Limia, Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 17.000 hectáreas, parte delas nos concellos de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 171 axentes, 233 brigadas, 149 motobombas, 6 pas, 8 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 34 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Controlado A Mezquita-A Esculqueira

Segue controlado, dende as 21.12 horas do mércores, o incendio do concello da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que se iniciou o martes 12 ás 21.20 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 8 técnicos, 53 axentes, 74 brigadas, 61 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 20 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.

Controlado Carballeda de Avia-Vilar de Condes e Beade-As Regadas

O venres día 15 ás 16.38 horas iniciábase o incendio forestal do concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes. Ese mesmo día, ás 18.16 rexistrouse outro na localidade ourensá de Beade, parroquia de As Regadas. Os dous lumes uníronse nun só, que está controlado desde ás 22.10 horas deste mércores que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 4.000 hectáreas, parte delas nos municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 6 técnicos, 116 axentes, 199 brigadas, 111 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 12 avións. 

Controlado Larouco-Seadur

Desde as 22.01 horas deste mércores, día 27, está controlado o incendio iniciado o mércores día 13 ás 18.55 horas no concello ourensán de Larouco, parroquia de Seadur, que afecta unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 54 técnicos, 245 axentes, 319 brigadas, 255 motobombas, 12 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Controlado Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e estabilizado Vilariño de Conso-Mormentelos

Desde as 21.37 horas deste mércores están controlados os focos de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita), mentres que o de Vilariño de Conso (Mormentelos) mantense estabilizado desde as 13.01 horas do luns día 25. Os incendios comezaron en Chandrexa o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o foco do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos. Segundo as últimas estimacións provisionais, o lume afecta unha superficie de arredor de 19.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 185 axentes, 232 brigadas, 135 motobombas, 21 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 34 helicópteros e 30 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Controlado Vilardevós-Vilar de Cervos

Está controlado desde as 14.56 horas do martes día 26 o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, iniciado o mércores 13 ás 18.09 horas. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 23 axentes, 16 brigadas, 15 motobombas, 3 helicópteros e 7 avións.

Controlado Montederramo-Paredes

Segue controlado desde as 22.05 horas do venres, día 22, o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns 11 ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 6 axentes, 14 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.

Controlado Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)

O domingo 10 e o martes 12 comezaron dous incendios forestais no concello ourensán de Maceda, nas parroquias de Castro Escuadro e Santiso, respectivamente. Ambos acabaron por unirse nun só lume que quedou controlado ás 19.52 horas do venres día 22. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.500 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 11 técnicos, 101 axentes, 157 brigadas, 88 motobombas, 11 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 19 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Cómpre salientar que nos incendios estase a contar coa colaboración de bombeiros dos consorcios provinciais, bombeiros municipais, GES e servizos de emerxencias locais.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/08/2025