A Xunta pon en valor a campaña ´O noso comercio é vida. Vive Ribadeo´ dentro das iniciativas extraordinarias de dinamización dos centros comerciais abertos
O director xeral de Comercio e Consumo participou hoxe na clausura desta campaña da Asociación de Comerciantes Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, no marco da iniciativa da Xunta O teu comercio local é extraordinario
A de Ribadeo é unha das cinco campañas de dinamización extraordinarias seleccionadas polo Goberno galego dentro das axudas anuais aos centros comerciais abertos, xunto coas de Boiro, Marín, Ferrol e Rianxo
Ribadeo (Lugo), 31 de agosto de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na clausura da campaña O noso comercio é vida. Vive Ribadeo, unha das cinco campañas de dinamización extraordinarias seleccionadas pola Xunta —xunto coas promovidas polos Centros Comerciais Abertos de Boiro, Marín, Ferrol e Rianxo— no marco da iniciativa O teu comercio local é extraordinario. Estas entidades foron seleccionadas entre as mellor valoradas na convocatoria de axudas deste ano na que se apoiaron un total de 54 centros comerciais abertos de toda Galicia, cun investimento global de 2,3 millóns de euros.
Para estas cinco propostas específicas o Executivo autonómico destina preto de 200.000 euros, como recoñecemento á súa calidade, capacidade de innovación e impacto no territorio. Neste caso concreto, a campaña levada a cabo pola Asociación de Comerciantes Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo incluíu neste mes de agosto os Xoves abertos con música e premios, mercados de rúa con descontos e liquidacións, actividades dominicais no marco do Domingueo en Ribadeo e a Semana Grande ata este domingo 31, con accións de ocio, multiaventura e gastronomía. A campaña culmina hoxe coa Gran Festa de Verán e un sorteo presencial en directo, no que tamén estivo presente o alcalde ribadense, Dani Vega.
O director xeral agradeceu a implicación tanto do comercio local como das persoas que confían cada día no bo facer destes establecementos de proximidade. Recordou que estas campañas teñen como obxectivo dinamizar o tecido comercial, fomentar o consumo e reforzar o papel do comercio como motor económico e social nas vilas e cidades galegas, no marco do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030.
Premios do Comercio Galego 2025
Alén lembrou ademais que os establecementos interesados en optar aos Premios do Comercio Galego 2025 poden presentar as súas candidaturas ata o próximo 26 de setembro. Poden resultar recoñecidos en cinco categorías: Premio Comercio Galego 2025, dotado con 5.000 euros; Premio Comercio Traxectoria 2025, ao que lle corresponden 3.000 euros; Premio Comercio Emprende 2025, distinguido con outros 3.000 euros; Premio Comercio Dinamización 2025, cunha contía de 5.000 euros; e Premio Comercio Sostible 2025, con 3.000 euros.
A convocatoria enmárcase na aposta da Xunta por un sector comercial forte, moderno e competitivo capaz de adaptarse ás novas tendencias e demandas dada a súa importancia como xerador de riqueza e emprego, así como vertebrador do territorio.