Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 09.00 h. de hoxe

Seguen controlados os lumes da Pobra do Brollón-Abrence (900 ha), Avión-Nieva (250 ha), Oímbra e Xinzo de Limia (A Granxa e Gudín, 17.000 ha); A Mezquita-A Esculqueira (10.000 ha); Larouco-Seadur (arredor de 30.000 ha); Chandrexa de Queixa (19.000 ha); Maceda (Santiso e Castro de Escuadro, 3.500 ha) e Montederramo-Paredes (120 ha)

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2025

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 09.00 horas de hoxe sábado. Arestora, todos os lumes permanecen controlados, polo que non hai ningún activo nestes momentos en Galicia.

LUGO

CONTROLADOS

Controlado A Pobra do Brollón-Abrence

Ás 13.17 horas de onte quedou controlado o incendio forestal do concello lucense da Pobra do Brollón, parroquia de Abrence, que se iniciou o pasado luns  25 ás 13.06 horas. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas. Neste lume xa está desactivada, tamén, a Situación 2, medida adoptada de forma preventiva pola súa proximidade aos núcleos de Golmar, nesta mesma localidade; e nos de Conceado e San Pedro, xa no municipio veciño de Quiroga. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 13 técnicos, 80 axentes, 85 brigadas, 70 motobombas, 5 pas, 9 helicópteros e 13 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

OURENSE

CONTROLADOS

Controlado Avión-Nieva

Ás 10.55 horas de onte quedou controlado o lume do concello ourensán de Avión, parroquia de Nieva, que se orixinou ás 17.09 horas do domingo día 24. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 250 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 5 técnicos, 37 axentes, 71 brigadas, 42 motobombas, 5 pas, 10 helicópteros e 8 avións.

Controlado Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín

Este incendio permanece controlado dende as 21.12 horas deste mércores, día 27. O martes 12 iniciouse no municipio ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un lume que se uniu con outro rexistrado o pasado venres 15 ás 17.22 horas na localidade de Xinzo de Limia, Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 17.000 hectáreas, parte delas nos concellos de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 172 axentes, 235 brigadas, 152 motobombas, 6 pas, 8 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 34 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Controlado A Mezquita-A Esculqueira

Segue controlado, dende as 21.12 horas do mércores, o incendio do concello da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que se iniciou o martes 12 ás 21.20 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 8 técnicos, 53 axentes, 76 brigadas, 61 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 20 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.

Controlado Larouco-Seadur

Desde as 22.01 horas deste mércores, día 27, está controlado o incendio iniciado o mércores día 13 ás 18.55 horas no concello ourensán de Larouco, parroquia de Seadur, que afecta unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 54 técnicos, 245 axentes, 323 brigadas, 255 motobombas, 12 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). 

Controlado Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e estabilizado Vilariño de Conso-Mormentelos 

Desde as 21.37 horas deste mércores están controlados os focos de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita), mentres que o de Vilariño de Conso (Mormentelos) mantense estabilizado desde as 13.01 horas do luns día 25. Os incendios comezaron en Chandrexa o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o foco do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos. Segundo as últimas estimacións provisionais, o lume afecta unha superficie de arredor de 19.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 186 axentes, 235 brigadas, 135 motobombas, 21 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 34 helicópteros e 30 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Controlado Montederramo-Paredes

Segue controlado desde as 22.05 horas do venres, día 22, o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns 11 ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 6 axentes, 14 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións. 

Controlado Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)

O domingo 10 e o martes 12 comezaron dous incendios forestais no concello ourensán de Maceda, nas parroquias de Castro Escuadro e Santiso, respectivamente. Ambos acabaron por unirse nun só lume que quedou controlado ás 19.52 horas do venres día 22. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.500 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 11 técnicos, 101 axentes, 157 brigadas, 88 motobombas, 11 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 19 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Cómpre salientar que nos incendios estase a contar coa colaboración de bombeiros dos consorcios provinciais, bombeiros municipais, GES e servizos de emerxencias locais.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/08/2025