Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20.45 h. de hoxe

Esta tarde quedaron extinguidos os incendios da Pobra do Brollón-Abrence (1.107,24 ha); Maceda (Santiso e Castro de Escuadro, 3.665 ha); Montederramo-Paredes (209,02 ha); A Mezquita-A Esculqueira (10.004 ha) e Avión-Nieva (340,37 ha)

Seguen controlados os de Oímbra e Xinzo de Limia (A Granxa e Gudín, 17.000 ha); Larouco-Seadur (arredor de 30.000 ha) e Chandrexa de Queixa (19.000 ha)

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2025

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 20.45 horas de hoxe sábado.

As principais novidades arestora son que na tarde de hoxe quedaron extinguidos os incendios da Pobra do Brollón, Maceda (Santiso e Castro de Escuadro), Montederramo-Paredes, A Mezquita-A Esculqueira e Avión-Nieva. O resto dos lumes permanecen todos controlados, polo que non hai ningún activo nestes momentos en Galicia.

LUGO

EXTINGUIDOS

Extinguido A Pobra do Brollón-Abrence

Ás 20.45 horas de hoxe quedou extinguido o incendio forestal do concello lucense da Pobra do Brollón, parroquia de Abrence, que se iniciou o pasado luns  25 ás 13.06 horas. Finalmente afectou unha superficie de 1.107,24 hectáreas das cales 1.057,24 se corresponden con monte arborado e o resto de raso.. Neste lume xa está desactivada, tamén, a Situación 2, medida adoptada de forma preventiva pola súa proximidade aos núcleos de Golmar, nesta mesma localidade; e nos de Conceado e San Pedro, xa no municipio veciño de Quiroga. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 13 técnicos, 81 axentes, 87 brigadas, 73 motobombas, 5 pas, 9 helicópteros e 13 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

OURENSE

EXTINGUIDOS

Extinguido Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)

O domingo 10 e o martes 12 comezaron dous incendios forestais no concello ourensán de Maceda, nas parroquias de Castro Escuadro e Santiso, respectivamente. Ambos acabaron por unirse nun só lume que quedou extinguido hoxe ás 20.41 horas. Este lumes afectou finalmente unha superficie de 3.665 hectáreas, das cales 3.250 se corresponden con monte raso e 415 de arborado, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 11 técnicos, 101 axentes, 157 brigadas, 88 motobombas, 11 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 19 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Extinguido Montederramo-Paredes

Ás 20.14 horas de hoxe quedou extinguido o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns 11 ás 04.50 horas. Finalmente afectou unha superficie de 209,02 hectáreas, das cales 157,72 se corresponden con monte raso e 51,3 con arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 6 axentes, 14 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións. 

Extinguido A Mezquita-A Esculqueira

Ás 19.56 horas de hoxe quedou extinguido o incendio do concello da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que se iniciou o martes 12 ás 21.20 horas. Finalmente, este lume afectou unha superficie de 10.004 hectáreas en territorio galego, das cales 5636 son de monte raso e 4.368 de arborado. Este incendio tivo incidencias nos concellos da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 8 técnicos, 53 axentes, 76 brigadas, 61 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 20 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.

Extinguido Avión-Nieva 

Ás 18.15 horas de hoxe quedou extinguido o lume do concello ourensán de Avión, parroquia de Nieva, que se orixinou ás 17.09 horas do domingo día 24. Finalmente, este incendio afectou unha superficie de 340,37 hectáreas, das cales 272,37 se corresponden con monte raso e as 68 restantes con arborado. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 5 técnicos, 37 axentes, 71 brigadas, 42 motobombas, 5 pas, 10 helicópteros e 8 avións.

CONTROLADOS

Controlado Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín

Este incendio permanece controlado dende as 21.12 horas deste mércores, día 27. O martes 12 iniciouse no municipio ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un lume que se uniu con outro rexistrado o pasado venres 15 ás 17.22 horas na localidade de Xinzo de Limia, Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 17.000 hectáreas, parte delas nos concellos de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 175 axentes, 238 brigadas, 153 motobombas, 6 pas, 8 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 34 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Controlado Larouco-Seadur

Desde as 22.01 horas deste mércores, día 27, está controlado o incendio iniciado o mércores día 13 ás 18.55 horas no concello ourensán de Larouco, parroquia de Seadur, que afecta unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 54 técnicos, 246 axentes, 327 brigadas, 256 motobombas, 12 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Controlado Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso-Mormentelos 

Desde as 21.37 horas deste mércores están controlados os focos de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e o de Vilariño de Conso (Mormentelos) quedou controlado hoxe ás 19.39 horas. Os incendios comezaron en Chandrexa o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o foco do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos. Segundo as últimas estimacións provisionais, o lume afecta unha superficie de arredor de 19.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 189 axentes, 238 brigadas, 138 motobombas, 21 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 34 helicópteros e 30 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Cómpre salientar que nos incendios contouse coa colaboración de bombeiros dos consorcios provinciais, bombeiros municipais, GES e servizos de emerxencias locais.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/08/2025