Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 08.30 h. de hoxe
Seguen controlados os de Oímbra e Xinzo de Limia (A Granxa e Gudín, 17.000 ha); Larouco-Seadur (arredor de 30.000 ha) e Chandrexa de Queixa (19.000 ha)
Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2025
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 08.30 horas de hoxe domingo. Arestora, todos os lumes permanecen controlados, polo que non hai ningún activo nestes momentos en Galicia.
OURENSE
CONTROLADOS
Controlado Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín
Este incendio permanece controlado dende as 21.12 horas deste mércores, día 27. O martes 12 iniciouse no municipio ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un lume que se uniu con outro rexistrado o pasado venres 15 ás 17.22 horas na localidade de Xinzo de Limia, Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 17.000 hectáreas, parte delas nos concellos de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 175 axentes, 238 brigadas, 153 motobombas, 6 pas, 8 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 34 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Controlado Larouco-Seadur
Desde as 22.01 horas deste mércores, día 27, está controlado o incendio iniciado o mércores día 13 ás 18.55 horas no concello ourensán de Larouco, parroquia de Seadur, que afecta unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 54 técnicos, 248 axentes, 328 brigadas, 256 motobombas, 12 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Controlado Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso-Mormentelos
Desde as 21.37 horas deste mércores están controlados os focos de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e o de Vilariño de Conso (Mormentelos) quedou controlado onte ás 19.39 horas Os incendios comezaron en Chandrexa o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o foco do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos. Segundo as últimas estimacións provisionais, o lume afecta unha superficie de arredor de 19.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 189 axentes, 238 brigadas, 138 motobombas, 21 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 34 helicópteros e 30 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Cómpre salientar que nos incendios contouse coa colaboración de bombeiros dos consorcios provinciais, bombeiros municipais, GES e servizos de emerxencias locais.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.