A Xunta incrementa a oferta de turismo urbano de Ferrol co apoio ao Festival internacional de arte ‘Meninas de Canido’

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no Museo de Historia Natural na presentación do evento que terá lugar do 5 ao 7 de setembro

Ferrol, 3 de setembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no Museo de Historia Natural na presentación da 17ª edición do festival internacional de arte Meninas de Canido do que destacou “converterá, unha vez máis, o barrio de Canido nunha auténtica galería a ceo aberto”.

Durante a súa intervención, Aneiros destacou a cita coma un dos eventos que axudan a incrementar o turismo urbano en Ferrol e avogou por seguir intensificando esforzos para consolidar unha oferta turística urbana de calidade nunha cidade que, nos seis primeiros meses do ano, recibiu a visita de 26.941 viaxeiros que realizaron 57.882 noites nos establecementos de aloxamento da zona. 

“Sabemos que apoiar eventos coma este significa apoiar á creación, á innovación, á participación cidadá e tamén á proxección exterior dunha cidade que ten moito que ofrecer”, indicou a delegada territorial que, unha vez máis, comprometeu o respaldo do Goberno galego ao evento.

Por último, Martina Aneiros, felicitou ao promotor da iniciativa, Eduardo Hermida, e manifestou o seu desexo de que o festival colleite un novo éxito nesta edición.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/09/2025