Román Rodríguez destaca o reto que asumen desde o luns os 728 profesores de secundaria e FP que se incorporan ao ensino galego
Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, deu hoxe a benvida na Cidade da Cultura aos novos profesores que se incorporan ao ensino galego tras aprobar as oposicións celebradas no verán nos corpos de profesores de ensino secundario (665 docentes) e de sectores singulares da FP (63). En total obtiveron praza 1.113 persoas, das que 385 foron mestres de Infantil e Primaria, aos que se recibiu onte na primeira xornada organizada pola Consellería como acollida e formación inicial sobre o sistema educativo.
O titular do departamento educativo da Xunta destacou “o traballo ben feito ao longo dos últimos meses, que permitiu aos novos docentes acadar unha praza e sumarse á gran comunidade escolar galega”. “Estades diante dun gran reto, a formación da mocidade galega en anos decisivos da súa vida académica, a Secundaria e a FP -afirmou o conselleiro-. E ides contar con todo o apoio do Goberno galego nesta tarefa”.