A Xunta destaca os preto de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Mondoñedo e os apoios dispoñibles para as persoas traballadoras autónomas

A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social participaron na vila mindoniense na ‘Xornada divulgativa para persoas traballadoras autónomas e emprendedoras’ impulsada por APE Galicia

Na clausura, Susana Pérez Iglesias salientou que o prazo de solicitude para unha ampla batería de axudas en beneficio do colectivo autónomo está aberto ata o 30 deste mes, co fin de cubrir o inicio, o mantemento, a consolidación ou a reactivación da actividade

Previamente, Marta Mariño puxo en valor a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que leva asesorado máis de 1.500 iniciativas empresariais nas súas cinco oficinas da provincia de Lugo, con máis de 5.000 titorías personalizadas e gratuítas

Mondoñedo (Lugo), 21 de setembro de 2026

A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron hoxe en Mondoñedo na Xornada divulgativa para persoas traballadoras autónomas e emprendedoras, impulsada por APE Galicia. Alí, deron conta da ampla batería de apoios autonómicos en beneficio das persoas traballadoras autónomas e do conxunto do ecosistema emprendedor, incluída a Rede de polos que leva atendido preto de 350 proxectos no caso do centro de Mondoñedo e promovido a creación dunha trintena de empresas.

Na clausura do acto, a secretaria xeral aproveitou para lembrar que se poden solicitar aínda —ata o 30 deste mes de setembro— as axudas de varias liñas para o colectivo autónomo, como as da orde única dotada con 40,7 M€ coa que se prevé beneficiar case 8.700 persoas en toda Galicia. Unha orde que, como novidade, e no marco dos 28,9 M€ do programa de Promoción do emprego autónomo, amplía a cota cero ata os 24 meses para quen inicie actividade na agricultura, na gandería ou na silvicultura. Tamén incrementa nun 20 % o Bono Remuda (1,5 M€) co gallo de facilitar a remuda xeracional e a transmisión de negocios rendibles.

A maiores, a convocatoria inclúe o bono Nova oportunidade (1,5 M€) para facilitar a reactivación da actividade de persoas que tivesen que deixar os seus negocios por diferentes causas; o Bono Autónomo (8 M€), a prol da consolidación das empresas a cargo do colectivo; e o programa de conciliación (750.000 euros). 

Pérez Iglesias referiuse así mesmo aos 1,3 M€ de achegas á contratación indefinida por parte dos autónomos, tamén con prazo aberto ata o 30 de setembro co fin de promover a empregabilidade dunhas 160 persoas. Entre outros apoios, citou ademais os 350.000 euros para as asociacións representativas do colectivo.

Polo de Mondoñedo

Pola súa banda, a directora xeral puxo en valor a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que leva asesorado máis de 1.500 iniciativas empresariais nas súas cinco oficinas da provincia de Lugo (Mondoñedo, A Fonsagrada, Sarria, Friol e Monforte), con máis de 5.000 titorías personalizadas e gratuítas. Nese contexto, fomentouse a creación de case 120 empresas.

No caso de Mondoñedo, os preto de 350 proxectos atendidos supuxeron case un milleiro de sesións de titoría ás persoas emprendedoras, das que un 55 % son mulleres. Por sectores, predomina a hostalaría (23 %), seguida dos servizos (17 %) e do comercio (15 %). En canto ás actividades, o Polo Mondoñedo leva realizado máis de 200, entre reunións con entidades do territorio, formacións e eventos.

Data de actualización: 21/09/2026