A Xunta e o concello de Cerdedo-Cotobade colaboran na posta en marcha desde o próximo luns de dúas liñas de autobús que atenderán ao alumnado dos institutos da Xunqueira de Pontevedra
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, formalizaron o convenio que permitirá activar os servizos de interese municipal (SIMU) durante a tempada lectiva
Unha liña ofrecerá un servizo de ida desde o lugar de Dorna ás 07,10 horas e un de volta desde Pontevedra ás 15,10 horas ata Tenorio, onde os usuarios poderán enlazar co transporte integrado
Os martes pola tarde actívase unha liña que permite transbordar aos usuarios na parada Ponte Bora (ITV) e sairá cara a Carballedo ás 15,20 horas
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, formalizaron o convenio de colaboración para habilitar desde o próximo luns, 8 de setembro, dúas liñas de autobús que facilitarán os desprazamentos do alumnado do municipio que estudan nos institutos da Xunqueira, en Pontevedra. Durante o acto tamén estivo presente a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela.
Deste xeito, o convenio permite activar os servizos de interese municipal (SIMU) durante a tempada lectiva e poñer en marcha estas liñas ao longo do curso escolar coa posibilidade de prórroga.
Unha das novas liñas funcionará de luns a venres durante a tempada escolar e ofrecerá un servizo de ida e outro de volta. Na ida, a liña sairá ás 07,10 horas do lugar de Dorna e realizará as paradas de Viladeabaixo (Sta. Mª Sacos), San Xurxo, Alonga (S. Xurxo Sacos), Mallo, Tenorio (centros educativos), Calvelo (Tenorio), Ponte Bora (ITV), A Paloma e Avda. de Compostela (A Xunqueira).
Ao remate da xornada lectiva, o servizo de volta sairá ás 15,10 horas da Avenida de Compostela (A Xunqueira) ata a parada Tenorio (centros educativos). Nese punto, os usuarios que o precisen poderán enlazar co transporte integrado do CEIP de Tenorio e do IES de Cotobade para completar as súas viaxes.
Ademais, o convenio SIMU activa para os martes pola tarde unha liña desde a parada Ponte Bora (ITV) ata Carballedo que permitirá transbordar aos usuarios do servizo de volta dos institutos. Desde esa parada, ás 15,20 horas sairá o autobús que realizará as paradas de Bora (O Valo), Bora (Quinteiro), Vilanova, Xesteira, Borela (cruce), Pazos, Lagoas, Pozo Negro, Carballedo (piscifactoría) e Carballedo (Chan).
O obxectivo destes servizos SIMU é complementar a oferta de servizos que presta o transporte público autonómico para atender as necesidades específicas de Cerdedo-Cotobade, contribuír á redución do uso de vehículos particulares e fomentar a mobilidade sustentable.
Os servizos do convenio SIMU incluiranse nas concesións que xa operan no marco do Plan de Transporte Público de Galicia. Neste caso, o servizo será prestado pola UTE X-835 sureste da comarca de Pontevedra. Polo tanto, aplicaranse os descontos e bonificacións activos en todo o transporte público autonómico, polo que os menores de 21 anos poden realizar 60 viaxes ao mes de maneira gratuíta coa Tarxeta Xente Nova, e todas as persoas maiores de 65 anos con tarxeta Transporte de Mobilidade de Galicia (TMG) viaxan de balde grazas á tarifa +65.
A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.