A Xunta fomenta a divulgación da olería tradicional de Buño na I Cocedura Tradicional Aberta

Esta fin de semana celébrase en Buño a cocedura tradicional de pezas de olería no Forno do Forte que, por primeira vez, está aberta a outros ceramistas e afeccionados

Onte tivo lugar a Festa da Carroa, coa que antigamente se celebraba o bo resultado do traballo realizado, e hoxe realízase a descarga do forno e a entrega das pezas

Dende o ano 2023 a Xunta está a impulsar a remuda xeracional neste oficio a través de cursos de especialización nas formas tradicionais de Buño, no marco do seu programa ‘Aprender da tradición. Oficios e técnicas’

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2025

A Fundación Artesanía de Galicia colabora coa I Cocedura Tradicional Aberta de Buño impulsada pola Asociación Olería de Buño, o Concello de Malpica de Bergantiños e a Deputación da Coruña, co obxectivo de apoiar a divulgación e a posta en valor da olería tradicional desta localidade da Costa da Morte, que constitúe o centro de olería tradicional máis activo de Galicia.

A cocedura tradicional de Buño é un evento con máis de 20 anos de historia, que se celebra na contorna do Ecomuseo do Forno do Forte e que se deixara de realizar por mor da pandemia. Este ano, a Asociación Oleira de Buño recupera esta iniciativa e ábrea a diferentes profesionais e afeccionados á cerámica para que poidan levar as súas propias pezas a cocer neste forno do século XIII, co método tradicional. Deste xeito, iníciase unha nova etapa de achegamento da cultura, das formas e das técnicas de Buño a unha comunidade crecente de ceramistas e oleiros.

A xornada de onte estivo marcada pola carga de pezas no forno, o prendido e a cocedura, así como pola Festa da Carroa, que tivo lugar a partir das 21,00 h. con música e gastronomía, recuperando así tamén a festa coa que se celebraba o bo resultado despois da cocedura. Hoxe será o momento de abrir o forno e de recoller as pezas.   

Remuda xeracional

Dende o ano 2023, as técnicas e as formas da olería tradicional de Buño constitúen un dos focos do Aprender da tradición. Oficios e técnicas, un programa de formación impulsado pola Xunta, dirixido a artesáns xa en activo e tamén a novos talentos co obxectivo de impulsar a remuda xeracional no sector.

Neste tempo, impartíronse en Buño dous cursos de formación —Formas tradicionais da olería de Buño, entre decembro de 2023 e abril de 2024, e Perfeccionamento de técnicas tradicionais da olería de Buño, dende outubro de 2024 a marzo de 2025— e está previsto continuar coa formación especializada nesta olería tradicional. Os cursos estiveron impartidos polo oleiro Antonio Pereria “O Rulo”, artesán con máis de 40 anos de traxectoria que combina as formas tradicionais con esmaltes axustados ás novas tendencias. Nos últimos anos, está a colaborar con prestixiosos cociñeiros, con grandes marcas como Loewe ou Zara Home, e as súas pezas chegan a países como Suíza ou Xapón. Dende o ano 2023 preside a Asociación Olería de Buño e o pasado mes de xuño, foi recoñecido cun dos Premios de Honor da Asociación Española de Ciudades de la Cerámica. 

Cómpre engadir que os obxectivos específicos do programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas son capacitar os artesáns e expertos en oficios artesanais para que poidan transmitir os seus coñecementos, facilitar a formación de novas xeracións interesadas en aprender estes oficios e técnicas, fomentar a comercialización de produtos elaborados por artesáns locais e sensibilizar a comunidade sobre a importancia da conservación dos oficios tradicionais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/09/2025