O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou na cidade lucense a librería Lectocosmos, galardoada na última edición destes galardóns

A Xunta anima en Lugo a presentarse aos Premios do Comercio Galego 2025 polo seu compromiso co recoñecemento dos profesionais do sector

José González recordou que os establecementos interesados en optar aos premios poden presentar as súas candidaturas ata o próximo 26 de setembro

Hai cinco categorías: Premio Comercio Galego (dotado con 5.000 euros), Premio Comercio Traxectoria (3.000 euros), Premio Comercio Emprende (3.000 euros), Premio Comercio Dinamización (5.000 euros) e Premio Comercio Sostible (3.000 euros)

Con respecto á libraría Lectocosmos (galardoada na edición pasada), o conselleiro xustificou o galardón en que a súa función vai máis alá da actividade comercial, ao consolidarse como espazo de encontro cultural e de creación de comunidade

Lugo, 7 de setembro de 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, vén de visitar a libraría Lectocosmos, distinguida co Premio Comercio Galego 2024. Alí, aproveitou para animar aos negocios do sector a concorrer á nova edición dos Premios do Comercio Galego, aberta ata o 26 de setembro e que busca recoñecer o labor destes profesionais claves na dinamización económica e vertebración do territorio.

En concreto, os establecementos poden resultar recoñecidos en cinco categorías: Premio Comercio Galego 2025, dotado con 5.000 euros; Premio Comercio Traxectoria 2025, ao que lle corresponden 3.000 euros; Premio Comercio Emprende 2025, distinguido con outros 3.000 euros; Premio Comercio Dinamización 2025, cunha contía de 5.000 euros; e Premio Comercio Sostible 2025, con 3.000 euros.

Durante a visita, González puxo a libraría Lectocosmos como exemplo de bo facer, destacando o traballo da súa responsable, Gloria Fuertes, e salientando a vitalidade e o dinamismo do negocio, que vai máis alá da actividade comercial para converterse nun espazo de encontro e dinamización cultural, grazas á organización de presentacións, actos e outras iniciativas que contribúen a impulsar a vida do barrio e reforzar o tecido social. Tamén puxo en valor o seu firme compromiso coa atención ao público, situando ás persoas no centro da súa proposta, e incidiu no papel esencial do pequeno comercio no desenvolvemento económico e social das contornas urbanas e rurais.

Concretamente, a libraría Lectocosmos foi recoñecida co Premio Comercio 2024, dotado con 5.000 euros, pola súa aposta por un modelo de xestión innovador, competitivo e en sintonía cos desafíos actuais, converténdose nun referente dos valores que promove a Xunta no eido comercial para garantir o posicionamento do sector na economía galega.

Na mesma convocatoria de 2024 foron tamén galardoados a Asociación Centro Comercial Aberto Carballo, co Premio Comercio Dinamización 2024; o comerciante Vicente Ábalo, cunha longa traxectoria no sector téxtil en Vilagarcía de Arousa e Pontevedra; a firma ourensá AO Domini, centrada na artesanía aplicada ao interiorismo e ao téxtil; e a tenda de moda feminina La Böcöque, con sede en Cangas, recoñecida polo seu enfoque en consumo responsable.

Plan estratéxico do comercio

O conselleiro enmarcou os galardóns no compromiso da Xunta cun sector comercial sólido, adaptado ás novas tendencias e capaz de responder ás demandas da cidadanía, tanto polo seu papel como motor económico e xerador de emprego, como pola súa capacidade para estruturar o territorio.

Nesa liña, lembrou que xa está en marcha o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, unha planificación a medio prazo dotada con máis de 320 millóns de euros e que contempla 74 medidas concretas para reforzar un comercio local máis sostible, competitivo e de calidade, asegurando a súa viabilidade futura.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/09/2025