A Xunta patrocina dous Torneos de Mus que organiza esta fin de semana en Lugo a asociación ‘Gaudeamus’
Os dous campionatos, un deles de carácter solidario en beneficio de Adace, suman case 100 parellas inscritas
Lugo, 5 de setembro de 2025
A Xunta de Galicia patrocina dous torneos de mus que organiza esta fin de semana en Lugo a asociación Gaudeamus, un deles de carácter solidario.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o secretario do colectivo, Anxo Penalonga, presentaron hoxe na Delegación Territorial ambas probas, que reunirán a case 100 parellas procedentes de diferentes lugares de Galicia e do resto de España.
O escenario será o Círculo das Artes. Mañá sábado disputarase o III Torneo de Mus Xunta de Galicia e o domingo terá lugar o primeiro campionato benéfico de mus promovido por Gaudeamus, no que a recadación será destinada á asociación Dano Cerebral Lugo (Adace). O primeiro conta con 62 parellas inscritas e o segundo, 33.
No torneo do sábado repartiranse numerosos premios. Ademais, en cada xornada os xogadores optarán a unha praza para participar no XIV Master Nacional Marbella – Estepona 2025.