A Xunta visita a Feira de Arzúa no marco da promoción deste tipo de citas que recolle o Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030
Arzúa (A Coruña), 8 de setembro de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe a feira de Arzúa, que se celebra de xeito quincenal poñendo a disposición da clientela unha ampla variedade de produtos e servizos. Alí puxo en valor este tipo de citas para incentivar as vendas do comercio local e polo seu rol fundamental de dinamización da vida económica e social das distintas localidades.
Neste senso, o director xeral resaltou que no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 se recollen accións para promover un circuíto de feiras na nosa Comunidade, co obxecto de poñelas de relevo pola súa dotación de produtos e servizos. O obxectivo do plan, no relativo ao sector da venda ambulante, é continuar traballando da man de concellos e feirantes para poder achegar ese circuíto de feiras cuns estándares de calidade tanto en servizos como en organización, axudando a homoxeneizar as ordenanzas municipais co gallo de facilitar e dignificar o traballo dos autónomos ambulantes convertendo as súas vendas nunha forma de mercado de atracción ao comercio local das vilas e cidades.