A Xunta avanza nos trámites do proxecto do futuro Centro de Formación que se integrará na Cidade das TIC da Coruña

O Goberno galego adxudica e asina o contrato para a redacción do proxecto básico e de execución para rehabilitar os edificios da Escola de Formación Profesional e a Clínica da antiga Fábrica de Armas da Coruña por preto de 150.000 euros

Esta actuación inclúe a rehabilitación dos edificios da Escola de Formación Profesional e a Clínica da antiga Fábrica de Armas

A futura infraestrutura estará destinada á formación especializada en novas ocupacións vinculadas á transición verde e dixital para dar resposta ás novas demandas do mercado laboral

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2025

A Xunta de Galicia adxudica e asina o contrato de servizo de redacción do proxecto básico e de execución para rehabilitar os edificios da Escola de Formación Profesional e a Clínica da antiga Fábrica de Armas da Coruña, tal e como reflicte a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia. Deste xeito, o Goberno galego avanza na creación, no marco do complexo da Cidade das TIC, dun novo Centro de Formación autonómico especializado en novas ocupacións relacionadas coa transición verde e dixital, en liña coas demandas do mercado actual e o aproveitamento das novas oportunidades económicas, sociais e ambientais.

O importe de adxudicación é de preto de 150.000 euros e a empresa adxudicataria conta cun prazo de cinco meses para a redacción do proxecto, cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa do Fondo de Transición Xusta. A execución material de ambos inmobles terá un custo duns 3,5 millóns de euros.

Tanto a escola, que conta en total con 2.258 metros cadrados, como a clínica, dotada de 395 metros cadrados, son construcións de mediados do século XX que levan tempo sen uso, polo que se require dunha rehabilitación e adaptación ás normativas e estándares actuais, tanto nos ámbitos construtivos, como enerxético, medioambiental e de usabilidade.

O proxecto

Segundo establece o documento de licitación, a reforma da antiga Escola de Formación Profesional deberá contemplar na planta baixa do edificio a creación dunha zona de recepción e sala de espera, catro espazos formativos -con capacidade para 30 postos de formación- de 100 metros cadrados cada un, un espazo de innovación de 100 metros cadrados, un salón de actos de cando menos 200 metros cadrados, así como zonas de aseos e almacén, entre outros.

O andar superior deberá contar con outros catro espazos formativos e un novo espazo de innovación de similares características que os anteriores, zona de dirección e administración, áreas tanto de xefatura de estudos como técnica -ambas con capacidade para catro postos de traballo- e máis aseos. Ademais, este edificio deberá contar con espazos verdes, de ocio e de descanso.

Pola súa banda, o proxecto de rehabilitación da antiga clínica deberá dispoñer de vestíbulo, dous espazos para reunións, catros espazos de traballo individuais, aseos públicos e zona de almacén.

O proxecto que se redacte deberá respectar a fachada dos edificios orixinais para manter a estética, acorde co resto de rehabilitacións xa acometidas no complexo da antiga Fábrica de Armas da Coruña. Ademais, en liña coa súa temática -relacionada coa transición verde e ecolóxica- deberá contar cunha elevada eficiencia enerxética e de climatización, así como cunha alta capacidade tecnolóxica e de conectividade acorde aos seus futuros usos e actividades.

Data de actualización: 09/09/2025