A Xunta mellora a seguridade e o saneamento do centro de formación ocupacional de Ferrol cun investimento de máis de 36.000 euros
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o centro, onde supervisou as obras levadas a cabo para a recollida e condución das augas pluviais
Os traballos permitirán a canalización das augas pluviais que se xeran na parcela, garantindo a seguridade dos usuarios e reducindo os riscos de inundacións e danos
Ferrol, 14 de xullo de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto ao director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Prego, visitou esta mañá o Centro de Formación Ocupacional (CFO) de Ferrol, onde foron recibidos pola súa directora, María Begoña Pacio. Alí puideron comprobar as actuacións de mellora levadas a cabo para a recollida e condución das augas pluviais, realizadas cun investimento autonómico de 36.700 euros.
As actuacións, que comezaron o pasado martes 9 de xullo, incluíron traballos de saneamento, pintura e xestión de residuos, que afectaron sobre todo ao muro exterior que rodea o centro.
Grazas a este investimento, o CFO, no que se imparte formación de nove familias profesionais, poderá canalizar as augas pluviais que se xeran na parcela que ocupa, garantindo a seguridade dos usuarios e reducindo os riscos de inundacións e danos. Por outra banda, estas actuacións tamén terán unha repercusión medioambiental positiva, xa que reducirán a contaminación das augas de chuvia e evitarán a entrada de substancias nocivas na rede de sumidoiros
Durante a visita, Aneiros lembrou o compromiso do Goberno galego cunha formación de calidade “que pasa tamén por ofrecer uns centros que ofrezan condicións óptimas para o seu uso”, indicou.