A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático respondeu esta tarde unha pregunta no Parlamento
A Xunta propón unha fronte galega para exixir ao executivo de Sánchez que traspoña a directiva europea de renovables co fin de acelerar a descarbonización
Ángeles Vázquez considera urxente que o interese público superior das enerxías verdes se aplique tamén a nivel nacional para a autorización deste tipo de proxectos
Salienta que tras o aval outorgado polo TJUE á tramitación ambiental dos parques eólicos en Galicia se abre un novo escenario que o Goberno central non pode ignorar
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, propuxo esta tarde no Parlamento formar unha fronte común entre todos os grupos parlamentarios para reclamar ao Goberno central que traspoña xa á normativa estatal a directiva europea sobre enerxías renovables para garantir que se poida avanzar no cumprimento dos grandes retos de descarbonización.
Durante a súa resposta en pleno a unha pregunta sobre a sentenza do Tribunal Superior de Justicia da Unión Europea (TJUE) que avalou este verán a tramitación ambiental dos proxectos eólicos en Galicia, a responsable autonómica considerou “urxente” que o interese público superior deste tipo de iniciativas, recoñecido xa a nivel europeo, se incorpore tamén e canto antes ao ordenamento xurídico español.
Neste sentido, subliñou que a Xunta leva anos aplicando este criterio na tramitación que fai a nivel autonómico tanto dos eólicos como do resto de proxectos relacionados co impulso e a implantación de enerxías renovables en Galicia e lembrou que a propia Comisión Europea abriu un expediente a España o ano pasado por non incorporar en prazo a normativa comunitaria de enerxía renovable, considerada esencial para loitar contra o cambio climático.
En concreto, Ángeles Vázquez lamentou que o Goberno de Pedro Sánchez nin sequera simplificara aínda a tramitación dos procedementos de autorización das iniciativas empresariais relacionadas co sector das renovables, tal e como defende a UE en consideración do seu interese público superior.
Por todo o exposto, a conselleira considerou que, agora, tras sumar en agosto o aval da Xustiza europea ao que xa recibira a Xunta por parte do Tribunal Supremo, “ábrese un novo escenario” para Galicia, que require da unión de todos os grupos con representación na Cámara autonómica para reclamar xuntos ante o Executivo central a transposición da normativa comunitaria.
Ao respecto, lembrou que se estiveran funcionando as 92 instalacións eólicas afectadas en Galicia por recursos xudiciais (cun investimento asociado de arredor de 3.000 millóns de euros), evitaríase a emisión á atmosfera de arredor de 2,5 millóns de toneladas de CO2 anuais, un dato que dá conta da importancia que ten o desenvolvemento eólico para reducir os gases de efecto invernadoiro e avanzar na loita contra o quecemento global.
Nesta liña, Ángeles Vázquez defendeu que a comunidade galega ten a oportunidade de volver situarse “á vangarda” da implantación de enerxía eólica en España e avanzar, así, cara ao obxectivo de acadar a neutralidade climática no horizonte do ano 2040, incluído no proxecto da Lei do clima de Galicia que aprobou o Consello da Xunta esta semana e que a converte na primeira comunidade en outorgarlle rango legal a este compromiso.