A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe as obras de modernización do parque eólico Coriscada

A Xunta destaca o papel clave das repotenciacións de parques eólicos para reducir o impacto no territorio, xa que permiten eliminar ata o 85% dos aeroxeradores

Os 24 proxectos deste tipo executados ou en curso en Galicia pasarán de ter 1.047 aeroxeradores a operar con tan só 150 moito máis modernos e eficientes

Ángeles Vázquez salienta que estas repotenciacións en conxunto permitirán incrementar nun 35% a produción de enerxía verde, evitando a emisión de toneladas de CO2 e contribuíndo a loitar contra os efectos do cambio climático

Incide en que co fin de facilitar a renovación das instalacións existentes, proponse modificar a lei sectorial para elevar do 10% ao 20% a variación máxima da potencia a partir da cal proxectos se teñan que someter a unha tramitación máis complexa

Tamén avanza que outro dos cambios na lexislación eólica clarificará os criterios aplicables a parques existentes en zonas incorporadas á Rede Natura para garantir a compatibilidade entre a súa renovación tecnolóxica e a protección da contorna

Mañón (A Coruña), 22 de outubro de 2026

A Xunta destaca o papel clave dos proxectos de repotenciación de parques eólicos en Galicia no marco da súa aposta por un modelo enerxético máis eficiente, competitivo e sostible xa que reducen os impactos ambientais e visuais sobre o territorio, eliminando o 85% dos aeroxeradores actuais.

Así o expuxo esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha visita ao parque eólico de Coriscada, nos concellos de Mañón e Ortigueira, un dos proxectos de repotenciación que están actualmente en obras.

As 24 instalacións eólicas en Galicia que apostan pola modernización tecnolóxica dos seus equipos —algunhas delas xa repotenciadas e outras en proceso— pasarán de ter 1.047 aeroxeradores a operar con tan só 150 grazas á substitución dos vellos equipos por outros moito máis modernos e eficientes. O obxectivo común destas iniciativas, como sinalou a conselleira, é producir máis enerxía renovable, aumentando os beneficios ambientais e diminuíndo o impacto visual sobre a contorna na que se localizan.

Este non será o único beneficio medible e directo das repotenciacións. Así, indicou que reforzarán a eficiencia dos parques afectados, ao preverse, en conxunto, un aumento do 35% na súa produción de enerxía renovable coa mesma potencia, e contribuirán tamén ao obxectivo de neutralidade climática no horizonte de 2040, ao evitar cada ano a emisión de 860.000 toneladas de CO2.

Co fin de facilitar a renovación das instalacións existentes vía repotenciación, Vázquez lembrou que a Xunta propón introducir dúas modificacións na Lei eólica. A primeira, consiste en elevar do 10% ao 20% a variación máxima da potencia autorizada para que un proxecto deste tipo se considere unha modificación non substancial do parque orixinal. Deste xeito, tal e como explicou Vázquez, se flexibilizan os requisitos para que unha repotenciación non teña que someterse a unha tramitación máis complexa e prolongada.

A conselleira tamén avanzou que outro dos cambios na normativa eólica que se prevé introducir a través da Lei de medidas fiscais e administrativas ten como obxectivo clarificar os criterios aplicables a parques existentes en zonas incorporadas á Rede Natura 2000 para garantir así a compatibilidade entre as obras de modernización tecnolóxica e a imprescindible protección da contorna na que se localizan.

En concreto, considerarase que existe unha implantación de novos equipos só cando se instalen en posicións distintas ás actuais, se incremente a altura de buxe (a parte central dun aeroxerador que conecta as pas co eixo principal) ou sexa necesario construír novos viarios, plataformas de montaxe ou canalizacións da rede colectora.

Deste xeito, Ángeles Vázquez explicou que se facilitará a modernización de parques xa existentes, pero sen abrir a porta a novas implantacións en Rede Natura, favorecendo a substitución de aeroxeradores antigos por menos máquinas, máis modernas e eficientes.

O exemplo de Coriscada

No caso de Coriscada, a conselleira púxoo como exemplo deste novo modelo, recordando que foi un dos 9 proxectos autorizados pola Xunta entre 2024 e 2025 e un dos primeiros expedientes tramitados integramente pola Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, que en apenas 15 meses resolveu a autorización da repotenciación.

Unha vez rematen as obras, estas instalacións pasarán de ter 40 aeroxeradores a só 4, cunha potencia asociada de 24 MW. A produción media neta estimada alcanza os 92.350 MWh anuais, o que equivale ao consumo duns 24.000 fogares. Esta xeración de enerxía renovable evita a emisión de 39.000 toneladas de gases de efecto invernadoiro ao ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/10/2026