A Xunta devolve ás Fragas do Eume un miñato e unha curuxa recuperados no centro da fauna silvestre
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou no acto onde fixo un chamamento á colaboración cidadá para garantir a conservación e protección destes animais e os seus hábitats
Pontedeume (A Coruña), 22 de outubro de 2026
A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asistiu hoxe no parque natural das Fragas do Eume á solta de varios exemplares de aves que foron atendidos no Centro de Recuperación da Fauna Silvestre da Xunta localizado en Oleiros. En concreto, devolvéronse ao medio ambiente un miñato e unha curuxa.
Durante o acto, no que tamén estivo presente a directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, e varios técnicos do departamento, Aneiros fixo un chamamento á colaboración cidadá para garantir a conservación e protección destes animais e a preservación dos seus hábitats.
Aproveitou ademais a ocasión para poñer en valor o traballo que realizan desde os centros de recuperación da fauna -hai catro en toda Galicia, un por provincia- e destacou o seu papel fundamental na atención, recuperación e reintrodución no medio natural da fauna silvestre, mediante a asistencia veterinaria e os coidados especializados dos animais que son trasladados ás súas instalacións.
Así, no que vai de ano o Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros rexistrou un total de 1.528 ingresos de animais vivos, dos que máis do 52% xa se teñen recuperado. Actualmente atópanse en proceso de recuperación nestas dependencias un centenar de gaivotas e outros 20 animais de diferentes especies.
Aneiros lembrou que no caso de atopar a un animal ferido, non debe manipularse e cómpre dar aviso a través do teléfono do 112 ou aos axentes medioambientais da Xunta para que sexan estes profesionais os que coordinen a súa recollida e traslado.