A Xunta anima ás empresas de Ourense a optar a nexos, a maior convocatoria de axudas para proxectos colaborativos de I+D+i

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participa nunha sesión para difundir esta liña de axudas, dotada con 28M€ para impulsar iniciativas entre empresas e centros de coñecemento en ámbitos estratéxicos

Ourense, 11 de setembro de 2025

A Xunta de Galicia rematou hoxe a súa rolda de obradoiros informativos sobre o novo programa Nexos dotado con 28M€, o que supón a maior contía destinada polo Goberno galego a unhas axudas para impulsar a I+D+i colaborativa entre empresas e co apoio de centros de coñecemento en ámbitos estratéxicos para a Comunidade. A última das citas celebrouse na Confederación Empresarial de Ourense, onde pechou o acto a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo.

Co obxectivo de resolver dúbidas e explicar todas as características desta convocatoria a potenciais interesados en optar a ela, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP celebrou estas xornadas nas catro provincias para que estes poidan coñecer a fondo esta nova liña de apoio, cofinanciada con fondos europeos no marco do programa Galicia Feder 21-27. “Ante todas as novidades de Nexos, decidimos organizar estes obradoiros para explicar dun xeito práctico todas as súas características e resolver as dúbidas que haxa para poder concorrer a axuda”, sinalou a representante da Consellería.

Durante a cita tamén se lle facilitou a unha vintena de participantes que estiveron no evento apoio para solicitar estas axudas, cuxo prazo aberto permanecerá aberto ata o 22 de setembro. Poderán beneficiarse delas as agrupacións de entre tres e seis empresas –principalmente pemes– que realicen proxectos de I+D+i en colaboración. O obxectivo de Nexos, que abrangue catro anualidades ata 2028, é fomentar a cooperación a través de proxectos de I+D+i entre pemes e demais axentes do eido da investigación e innovación. Como afirmou Carmen Cotelo, a convocatoria “prevé chegar a 50 proxectos e 200 beneficiarios e, así, mobilizar 47M€”.

Ámbitos estratéxicos

Entre as novidades desta convocatoria destaca a “priorización dun número reducido de ámbitos temáticos e a incorporación de custos simplificados na xustificación das axudas”, remarcou a directora da Axencia Galega de Innovación, asegurando que o  Goberno autonómico “quere impulsar a competitividade do tecido produtivo galego a través da I+D+i en beneficio da sociedade”.

A tipoloxía de proxectos subvencionables poden ser de investigación industrial, desenvolvemento experimental ou innovación organizativa ou en materia de procesos. Priorizaranse aqueles que se inclúan nalgún dos seguintes ámbitos estratéxicos para Galicia: agroalimentación, benestar e saúde, economía circular e enerxía ou fabricación avanzada.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/09/2025