O barrio lucense de Paradai celebra esta fin de semana as súas festas patronais, que contan co apoio da Xunta
Lugo, 11 de setembro de 2025
O barrio lucense de Paradai celebra esta fin de semana as súas festas patronais, organizadas pola asociación de veciños co apoio da Xunta de Galicia. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, reuniuse hoxe con membros do colectivo veciñal, encabezados polo seu presidente Christian Fernández, para presentar os detalles da programación, na que destaca a actuación principal do popular DJ Kiko Rivera, o sábado pola noite.
As festas inaugúranse a tarde do venres coa apertura dos carruseis e o pregón a cargo de María Isabel Ferreiro, directora do CEIP Paradai, ao que seguirá unha churrascada popular e a verbena a cargo de Tania Veiras e a Disco Móbil Impacto con DJ Son1c.
O sábado haberá unha concentración de coches clásicos, sesión vermú, espectáculo da escola de baile Gravitty e Tambukada polas rúas do barrio antes de dar paso á verbena, na que tamén actuarán o grupo Pekados e a cantante Ruth Cundís. O domingo os carruseis celebrarán con descontos o Día do neno; a xornada comezará coa música do grupo de gaitas Os Xílgaros, e a sesión vermú correrá a cargo do dúo Estrellas e o DJ Adolfo Valiño.