O Páramo acolle este domingo a I Ruta Cicloturista BTT A Ribeira, que organiza o Club Atlántigas co apoio da Xunta
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou a elevada participación, con 190 persoas inscritas nesta cita que promociona o deporte base e os recursos turísticos do municipio
Lugo, 11 de setembro de 2025
Este domingo celebrarase no Páramo a I Ruta Cicloturista BTT A Ribeira, organizada polo club Atlántigas co apoio da Xunta de Galicia. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, subliñou hoxe na presentación “a extraordinaria resposta” que tivo a iniciativa, que obrigou a ampliar o número de prazas previsto inicialmente.
Así, tomarán a saída 190 persoas, das que 131 completarán a ruta de 50 quilómetros; 35 realizarán o percorrido reducido de 37 quilómetros, e hai tamén 24 nenos e nenas inscritos na Mini BTT. A cita non ten carácter competitivo; comezará e rematará no campo da festa de San Mamede da Ribeira e discorrerá por camiños rurais e forestais do concello do Páramo.
Os participantes iniciarán o itinerario ás 9:30 horas, salvo os inscritos na Mini BTT, que se reunirán ás 11:00 horas. Rematada a ruta celebrarase unha comida, e pola tarde haberá animación musical, inchables e actividades infantís.
Atlántigas CD defínese como o primeiro club ciclista feminino de Galicia, fundado no ano 2019, e conta con grupos locais nas provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra. Unha das súas socias, a paramesa Alba María Rivera, impulsa este evento para fomentar o ciclismo, especialmente entre as mulleres, e para dar a coñecer a riqueza paisaxística do municipio.
Javier Arias gabou o traballo do club “na súa aposta polo ciclismo e pola igualdade, que compartimos desde a Xunta”. Igualmente, lembrou que o Goberno galego apoia o deporte base con medidas como o programa Xogade, “que máis alá de ser unha canteira de talentos é un medio para que os nenos e nenas adquiran hábitos saudables e formación en valores”.