O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, avaliou hoxe os resultados do programa ‘Rural Vivo - Rural Activo’
A Xunta destina 60.000 € a actividades de ocio e envellecemento saudable en Ortigueira
O obxectivo é previr situacións de dependencia e de soidade non desexada, favorecendo a interacción e a participación das persoas maiores
Ortigueira (A Coruña), 12 de setembro de 2025
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, resaltou hoxe a importancia de que as persoas maiores que viven en concellos do rural tamén teñan acceso a unha programación de ocio e actividades saudables para favorecer o envellecemento activo e combater a soidade non desexada. Fíxoo tras avaliar co alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, a marcha do programa Rural Vivo - Rural Activo da Xunta.
O Goberno galego destina 60.000 euros a financiar as actividades neste ámbito que ao longo deste ano se desenvolven nos centros sociais da localidade. O programa inclúe obradoiros de psicoestimulación, sobre as novas tecnoloxías da información e da comunicación (redes sociais, móbiles, tabletas, videochamadas, etc.); talleres para potenciar a habilidade manual e a creatividade; clases de ximnasia e de baile; así como sesións de cine e excursións.
Antón Acevedo explicou que o obxectivo é previr situacións de dependencia e favorecer a interacción e participación das persoas maiores. Ademais do financiamento de actividades de envellecemento activo e saudable, outras iniciativas que a Xunta pon á disposición dos maiores para que desfruten desta etapa das súas vidas son, por exemplo: os programas Benestar en Balnearios e Xuntos polo Nadal ou as Aulas Sénior.