A Xunta arranca os preparativos do Xacobeo 27 coa creación da comisión xestora das exencións fiscais

O director de Turismo de Galicia participou na reunión da Comisión Executiva do Consejo Jacobeo onde se ultimou o convenio para a posta en marcha deste ente

Turismo de Galicia asumirá a secretaría desta comisión para certificar a adecuación dos gastos realizados aos obxectivos e incentivar a participación do sector privado

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2025

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na reunión da Comisión Executiva do Consejo Jacobeo, onde se arrancou de maneira oficial cos preparativos do Ano Santo Xacobeo 2027. En concreto, entre outros asuntos, ultimouse o deseño da comisión interadministrativa que será o órgano xestor dos beneficios fiscais para impulsar a participación do sector privado en proxectos relacionados co Camiño de Santiago e o Xacobeo da que formará parte a Axencia Turismo de Galicia.

Durante o encontro, que tivo lugar no día de onte, os membros da Comisión Executiva foron informados sobre a declaración como acontecemento de excepcional interese público recollida no Real Decreto 8/2025 de 8 de xullo que se produciu respondendo á reivindicación insistente de Galicia por conseguilo e non ao traballo do Goberno central, que incluso vetou en decembro do ano pasado esta opción.

Con todo, e unha vez oficializado este recoñecemento, a Comisión Executiva do Consejo Jacobeo analizou o convenio que creará a comisión interadministrativa que, entre outras funcións, se encargará de xestionar as exencións fiscais das empresas. Como se informou, contará cunha representación do Ministerio de Facenda, outro en representación do Ministerio de Cultura e a secretaría será asumida pola Axencia Turismo de Galicia.

Esta Comisión Interadministrativa será a encargada de aprobar os plans e programas de actividades específicas que poden dar lugar á aplicación dos beneficios fiscais, tamén a aprobación do logotipo do Xacobeo 27 e o seu manual de uso así como a certificación da adecuación dos gastos realizados aos obxectivos e plans do programa de apoio. Tamén estará entre as súas competencias a remisión ao Departamento de Xestión Tributaria da Axencia Estatal de Administración Tributaria de copia das certificacións emitidas, entre outras. Durante a reunión, analizáronse os detalles do convenio, que será ratificado e asinado proximamente para comezar a traballar.

A Comisión Executiva do Consejo Jacobeo -que tamén estivo representada polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes- tamén informou sobre o estado de tramitación do expediente de declaración da Acollida Tradicional Xacobea como Patrimonio Inmaterial. Desde Turismo de Galicia recordouse que a Comunidade galega liderou o cambio e decaemento da primeira resolución presentando alegacións que espera que se teñan en conta na nova resolución para garantir a universidade na acollida, a defensa dos albergues públicos e dos xestionados pola Igrexa así como engadir o concepto de hospitalidade ao de acollida. Entre outros asuntos, tamén se informou sobre a afectación dos incendios forestais no Camiño de Santiago. A Xunta recordou que os desperfectos na sinalización e mouteiras van ser reparadas e as rutas son perfectamente transitables e en moitos casos, o Camiño de Santiago actuou como cortafogos.

A Comisión Executiva é o órgano de apoio do pleno do Consejo Jacobeo e impulsa a cooperación entre as institucións e comunidades autónomas para a realización dos traballos que permitan ao Consejo Jacobeo o cumprimento das súas funcións. Coordina a información conxunta que se recade sobre o estado de conservación do Camiño de Santiago e impulsa a dinamización cultural do Camiño, ofrecendo servizos e actividades especialmente dirixidos aos peregrinos ou aquelas persoas que estean interesadas en coñecer o Camiño en profundidade, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/09/2025