A Xunta pon en valor o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas de Manzaneda para preservar o patrimonio musical e impulsar o turismo de interior en pleno verán

O director de Turismo de Galicia participou na entrega de premiso da cita que este ano alcanzou a súa XVII edición

Manzaneda (Ourense), 26 de xullo de 2026.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu hoxe á entrega de premios do XVII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas de Manzaneda, que se celebrou esta fin de semana na Estación de Montaña de Cabeza de Manzaneda. Durante o acto puxo en valor esta cita como "un exemplo de como a cultura tradicional pode converterse nun motor para dinamizar o turismo e a economía local", ao tempo que destacou a capacidade do evento para atraer visitantes á montaña ourensá.

O director de Turismo de Galicia salientou que a Xunta apoia este tipo de iniciativas pola súa contribución á conservación do patrimonio cultural e inmaterial. Tamén destacou que a incorporación de novas formacións "reforza o carácter aberto e de intercambio cultural dun evento plenamente consolidado no calendario estival galego".

Así mesmo, subliñou a importancia deste tipo de eventos para avanzar nun modelo turístico máis equilibrado. "O turismo en Galicia tamén se constrúe desde o interior. Iniciativas como o Certame Celtibérico axudan a diversificar os fluxos de visitantes, a dar visibilidade a comarcas con enormes recursos naturais e culturais e a xerar oportunidades para o territorio", asegurou.

Nesta edición, o certame incorpora como principal novidade a participación, por primeira vez, de formacións das Illas Baleares, que presentan as denominadas cornamusas mediterráneas xunto a agrupacións procedentes de Galicia, Asturias, Cataluña, Madrid e Portugal.

O programa completouse co IX Serán da Seitura, dedicado á recuperación dos antigos cantares ligados aos labores agrícolas, e coa tradicional Noite Celta, antes da gran final do certame. Unha programación que combina música, patrimonio e natureza e que consolida esta cita como un dos principais referentes da música tradicional en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/07/2026