A Xunta avanza que o aparcadoiro disuasorio da PO 546, en Lourizán, estará a disposición dos veciños nos próximos días

A obra foi posible grazas a un investimento de 350.000 euros do Goberno galego

Este espazo actuará como unha pequena ‘intermodal’ ao contar con ata catro paradas de autobús nun radio de 300 metros, con liñas que conectan a cidade de Pontevedra cos concellos do Morrazo

Pontevedra, 12 de setembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá resultado da obra do aparcadoiro disuasorio da PO 546, en Lourizán, financiada pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Trátase dunha obra que contou cun orzamento de 350.000 euros e que nos próximos días estará a disposición de todos os veciños e veciñas. En concreto, son 71 prazas de estacionamento, dúas delas reservadas para persoas con mobilidade reducida, nun espazo que suma 2.465 metros cadrados. Cabe destacar ademais que este novo estacionamento conta cunha preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos que facilitará a futura posta a disposición deste servizo.

O delegado territorial destacou durante a visita a función de “intermodal” deste aparcadoiro que conta con catro paradas de autobús nun radio de 300 metros e que conectan a cidade de Pontevedra coa comarca do Morrazo.

Reguera asegurou que confía en que este aparcadoiro “alivie o tráfico do casco urbano de Pontevedra e permita mellorar a mobilidade da cidade, non solo pola súa labor disuasoria, senón tamén por esta función de intermodal estratéxica que fomentará o uso do transporte público por parte de moitos veciños dos concellos limítrofes”.

Así, este estacionamento integrase na senda que comunicará Mollabao e Os Praceres. A intervención enmárcase na aposta da Xunta por transformar a antiga estrada entre Pontevedra e Marín nunha gran senda de mobilidade sostible, grazas a un investimento global de preto de 10 M€.

O delegado rematou a visita sinalando que está previsto nas próximas semanas executar melloras no firme da PO-546. Esta actuación fai parte dunha serie de melloras nas estradas que afectarán ás s PO 532, PO-542, PO-546, e PO-551, ao paso por Pontevedra, Marín, Ponte Caldelas, Bueu e Cangas por valor de máis de 2 M de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/09/2025